Cata a
cegas
Os
asuntos da memoria son un tanto revirados, van e veñen, ao seu,
coma se un non fose dono do pensamento para chamalos ou gardalos en
función da conveniencia. Hai anos oínlle contar a meu avó sobre
unha discusión de patrón. Un dos convidados fachendeaba de ser un
gran experto na arte de beber brandy, sendo quen a recoñecer polo sabor
entre numerosas marcas. Dado que na casa había tres distintas
(estaban de festas e aínda no primeiro día) decidiron comprobalo e
serviron tres copas cunha cantidade aproximada de licor en cada unha.
O convidado probou coidadosamente, e con tempo, cada unha delas ata
emitir o veredicto final, poñendo unha botella ao lado de cada copa.
Só acertou nunha, na botella que contiña o líquido servido en
tódalas copas. En todas o mesmo. Imaxino tamén o rostro e a carraxe
do apostador ao verse en tal trance, aínda que diso pouco me
contaran.
A
semana pasada probei o sabor da auga dunha desas xerras que din que melloran a calidade da auga da billa. Había que comparala coa das
botellas de auga mineral e a propia da billa tal e como chega á
casa. Todas coa mesma temperatura e todas no mesmo tipo de vaso.
Probeinas. Elixín unha e acertei a dicir onde había a auga da
xerra. A verdade é que non estaba nos tres vasos, estaba en dous só, e
eu errei de medio a medio nos outros dous. Só había auga mineral,
que eu dixen que era da traída, e outro máis da xerra, que me soubo
ben distinto do que tiña a mesma auga.
Por
consolarme, por aquilo que sempre digo da autoestima, penso que é
posible que todo estea onde se pon. A fama, o sabor, o mérito. O interese.
Con
estas catas das que falo, cando penso nas eleccións galegas que
están a caer, xa estou vendo as diferentes listas que teñen as
distintas políticas e que eu debería diferenciar.
Ou
non? Porque
mira que se nos fan o mesmo que meu avó fixo co brandy...
Vivimos
case lonxe deste soño
mergullados, sen querelo, no fastío;
acabados,
sen comezos que nos chamen,
e
perdidos, moi perdidos, de interés.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário