Pensando
en como levantar a cabeza, deume por vendimar algunhas uvas das que
me quedaban. Este é un ano raro. Na época mellor da vendima acabei
facendo outras tarefas, por mor de ocupacións puntuais que non debía
desatender. Cando rematei as ocupacións, que me levaron o seu, o
tempo virou á chuvia e aló se foi. Menos mal que as eleccións
trouxeron un escampado xeitoso, pero os seus resultados provocáronme
unha baixada de ánimo que rematou por facerme mirar ao chan máis do
que quería. Tan baixo andaba a mirar que fun á zona das nogueiras
e aproveitei para recoller as noces que había. Non moitas, porque
este non é ano de noces. En realidade non é ano de froita, pois a
que hai vese picada do verme, e se non está podre xa, non tarda nada
en podrecer. As noces non me melloraron o ánimo e por iso acabei
indo ás uvas.
As
uvas téñoas nunha barra duns dous metros de alto, máis menos, de
maneira que alcanzo a coller as piñas sen necesidade de subirme a
nada, pero iso si, teño que miralas ben de maneira que vexa como
sacalas das súa posición sen que me caian enriba nin vaian ao chan.
O traballo déboo facer sempre coa cabeza ben alta, e aí si que me
sentín mellor. Incrible o que me axudou esa altura de miras neses
momentos, ata mesmo me sentín menos cidadán e máis en paz co
medio, como se onte non tivese habido eleccións e as cousas aínda
se puidesen amañar porque a esperanza non estaba perdida. Non
importa que axude o viño, á realidade ás veces hai que botarlle un
ollo por riba do ombreiro, superiores como somos desde a nosa
altura.
Aínda sendo
diferentes
moito demais para
algúns
e outros máis ben a
rentes.
Non é cuestión de
cobiza,
que moitos queiran
ter máis
ata pode ser
xustiza.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário