domingo, 11 de novembro de 2012

Ceo



Que días estes! 

Poñerse a escribir é facer unha terapia tan necesaria como pouco gozosa. Imprescindible polo feito de non esquecer de todo como se xuntan as palabras, pero con moito coidado para evitar que saian aquelas que deberían non estar en ningures. Vin estes días, ou contáronme, que vén sendo o mesmo cando un confía na persoa á que escoita, que nunha perruquería avisaban mediante un cartel posto na porta que non se permitía falar de crise no establecemento. Como galego, sei, de tempo, que un non debe falar da mala sorte se non quere traela, ou non debe porlle nome ao lobo de non querer sufrilo.

Non é estraño pois que ande a pensar en poñer algún letreiro por aí, nalgún recuncho, con letras feitas de sangue de limón, polo agre, pola invisibilidade e polo da limpeza que supón. Mais teño medo das palabras por se non, como dicía o autor, son só palabras...





Porque ese cielo azul que todos vemos
ni es cielo, ni es azul ¡Lástima grande
que no sea verdad tanta belleza!
Hnos. Argensola


Aluméannos as luces da razón e repetimos
non é ceo nin é azul, non para nós.


Non é ceo por máis que así o prometan
liturxias de domingo,
na historia doutros mundos necesarios.
Non é premio por sufrir ao por maior
na fe de recompensa a merecer.


Non é teito que propicie o acubillo
sufrindo todo o que  hai cima de nós.


O azul, sendo optimistas, xa se foi
mal cambiado polo gris das nosas vidas,
e, pedíndolle á razón as súas luces,
afirmamos con completa convicción
non é ceo nin é azul. Non para nós



















.






Sem comentários:

Enviar um comentário