terça-feira, 27 de novembro de 2012

Xeados





Todo branco por un lado e outro. Baixaron as temperaturas e a neve presentouse diante da porta das casas deixándose coller polas mans infantís que a agardaban como regalo invernal. Inocentes!

O branco anda estendido por todo o estado. Aló na capital son os traballadores sanitarios os que dan esa cor no gris cincento da política madrileña. Onte e hoxe, pero prométese máis para a semana que vén. A precariedade que se presente fai imprescindible un branqueado no que coinciden tanto sanitarios como pacientes.

En Galicia o branco asoma desde as granxas de todo o país. Os gandeiros non son quen a entender que os prezos do leite que eles producen non acaden siquera o mínimo correspondente ao custo de producilo, en tanto se paga a maior prezo o que se obtén en calquera outra zona española, mesmo cando a calidade é ben menor. Nestes tempos no que o aforro se estende ao non debido, somos quen a aforrar céntimos no leite e rematamos por mercar po rehidratado vido quen sabe de onde, namentres as nosas granxas van dereitas á ruína, e sen que se vexa a mínima posiblidade de cambio por unha nova política agraria. A algúns gandeiros, mañá mesmo, non lles quedará máis remedio que tirar o seu leite polo chan, pois así, sen pasar pola central, non vale nin para regalar.


Que ao remate quedemos nós tamén sen palabras, en branco, non ha estrañar a ninguén.







Frío que se afai a non deixarnos
noite que se pecha na ilusión
soños esquecidos polo tempo
choros sen o pano que os secou.
Non hai xa primavera que se agarde
non entran eses cambios. Non se ven.


Onde esa verdade na xustiza
onde irá a promesa na que crer?


Esquécense perdidos os heroes
de día malfadado en multitude,
de canto de esperanza e liberdade
unindo nun só coro toda a voz.


Cando se oirá o gran anceio
cando chegaremos a ser nós?


Por África ou América, sen velas,
pola xente do lado, así en silencio,
polos que saben lonxe o seu destino
por dar mil desatinos na inxustiza
mirámonos culpables e covardes
derrota tan inútil vista fin!


Como aceptaremos máis esperas
como hai que gañar por non  perder?

























.


Sem comentários:

Enviar um comentário