Día
de defuntos e auga. Como non podía ser menos, hoxe tivemos auga desde
media mañá. A chuvia maina e persistente non fai máis que pintar
de gris os ceos e darlle unha pequena opacidade ás cores do outono.
O tempo frío e as pingueiras que corroboran a condensación do vapor
de auga imprímenlle ao día unha melancolía que se leva ben cos
cemiterios galegos. Hai que ir para ver flores que empezan a murchar e que compiten
coas dos nichos próximos nunha loita por chamar a atención para o
recanto que adornan. Canta máis é a inmobilidade do lugar, canta
menos xente viva atende aos seus mortos, máis é tamén a anguria
húmida que entra na pel, ao xeito da chuvia que, sen mollarnos de
todo, vai deixándonos por riba milleiros de gotas translúcidas e
delicadamente brillantes, ata enchoupárennos a alma por dentro. Non
concibo no día de defuntos un cemiterio galego sen tristeza, nin son quen a
imaxinar que alí, nese territorio silencioso, poida haber nada no
que nós deixásemos caer parte do noso amor interesado e da nosa
felicidade pasada. Máis dunha vez teño pensado tamén que eses
primeiros pobos mesopotámicos que comezaron a gardar os corpos dos seus
parentes estaban a deixarnos un costume moi
pouco necesario, pero do que, nas sociedades abocadas ao consumo en
que vivimos, vai resultar imposible prescindir.
A xente que eu amei
(a súa voz,
o mundo todos xuntos
que vivimos,
ideas que dixemos,
nas que cremos,
os soños que
tivemos), vai comigo.
Eu levo canda min
máis que recordo
e falo sen respostas
que se agarden
sabendo, como sei,
cal elas son,
de chamas que un
acende e sempre arden.
A xente que roubou o
meu cariño
deixándome ben máis
do que lle dei
non anda recollida
nun recuncho
e vai e vén no
vento, ben o sei.
Eu teño moi
presente tal pasado
e aprendo cada día
a andar con el,
movéndome, ilusións
do recordado,
esceas que xamais
revivirei.
A xente que me quixo
e que se foi
deixándome tristeza
e tamén dor,
volveume un tempo
mudo (pro seu nome)
e fíxome gardar
dela o mellor.
.
Muy emocionantes tus versos. Son como las más hermosas flores volando llenas de amor para recordar la compañía de los que nos dejaron.
ResponderEliminarGrazas! Moitas grazas!
ResponderEliminar