sábado, 5 de novembro de 2011

Peculiar




Onte tiven ocasión de vivir un día especial. Atopei xente aprezada coa que non comparto os tempos cotiáns, vin coñecidos cos que non falaba había tempo, e contaxieime da alegría que soe envolver ás vodas.
Gustoume o que dixo o xuíz como preámbulo; abraioume a secretaria do xulgado, por como leu os tres artigos correspondentes do código civil, sen interese algún e con peor entoación que un contestador automático destes que nos saen a diario nos teléfonos; e deume un sorriso de horas ver as imaxes das alianzas que se intercambiaron os noivos. El púxelle no dedo un pedrusco verde, enorme e brillante, un esvarosqui precioso que combinaba á perfección cos complementos da noiva; ela, á súa vez, adornou á parella cun tremendo reloxo de pulso, aceirado e coa esfera multifunción dun negro executivo esplendoroso.
Non estrañou a ninguén que o xuíz, atentísimo ao que ocorría, dixese, ledamente sorprendido, “despois deste intercambio de alianzas certamente ... peculiar,  poden vostedes bicárense”.













Onte, contra a noite, houbo no ceo
un rastro, unha pegada luminosa,
moi limpa e incandescente, moi fermosa,
facendo un universo menos feo.

As cores que deixou no firmamento,
colléndollas roubadas aos teus iris,
xuntounas en mosaicos tan sutís
que deixou namorado incluso ao vento.

Un vento que son eu cando te miro
volvéndote no ceo nebulosa,
creándoseme en ti o meu retiro.

Facéndote de novo poderosa
ao naceres como estrela nun suspiro
daraslle a túa luz á vida nosa.









.

2 comentários:

  1. Bueno,o pedrusco era máis ben de cor gris...

    ResponderEliminar
  2. A relatividade unha vez máis: depende dos cristais cos que se mira...

    ResponderEliminar