Levo
un tempo seguindo as indicacións do goberno e aplico recortes
nalgúns dos meus hábitos. Así, por exemplo, sigo co hábito da
lectura da prensa á última hora do día, pero xa dixital, aforrando
ao mes corenta euros, que me veñen ao pelo para a conexión á rede.
Ou sexa, aforrar non aforro nada, pero o servizo que me dan é máis
plural; é un dicir o de plural, case sería mellor poñer máis
tendencioso, porque lle boto un ollo a La Razón, ou a ABC, que
doutro xeito íanme quedar sen ver, e, nos días que estou
especialmente animado, atrévome incluso con El Mundo. Por outra
banda é un servizo máis completo, cunha variadísima oferta que me
actúa de salvavidas cando a prensa me conta cousas que eu non
quixese ler nunca.
Xa
oíra a noticia no telexornal da noite e, cando mirei El País, non
quería ler que deixaban aos rapaces dun colexio (por moi privado que
fose) sen cadeiras, mesas ou mesmo pizarras e xices (ao mellor o do
xiz é normal, para que o ían querer se non tiñan onde usalo).
Seguín mirando os titulares dese e doutros periódicos, e en ningún
vin que, por débedas á seguridade social, levasen as pelotas de
ninguén dos equipos de fútbol de primeira e segunda división, que
eses si que deben moreas de millóns de euros, e en lugar de entregar
as pelotas, como dicía, agardan a que a lei, vez tras vez, lles siga
dando moratorias e máis euros (a lei dálles as moratorias, os euros dámosllos nós), que eles nunca han xustificar nin devolver.
Nota.- Aínda peor me parece que hoxe, 24, lles volvesen as cousas ás aulas. Quen vai pagar o traballo inútil? A este paso van ter que indemnizar aos debedores por molestarlles un día de clases (e pagaremos nós, outra vez). Somos de esperpento, xa superamos a charanga e pandeireta de Machado.
LAPIS
Quere a man como
guía decidida,
pide o verbo o
contacto dunha cara,
verse vivo na letra
que declara
a caricia ao papel,
ben recibida.
Placer aberto en
mina ofrendada
a gumes a cortala
sen dar dor,
a xemas a coidala
con calor.
En prevención
vital asegurada.
Virutas do pasado a
aterrar
confundidas no po
que viste o chan,
madeiras estragadas
por se usar,
gastadas no
importante e mais no van .
No remate do caderno
adquirido
Serán restos que se
gardan do esquecido.
Ou se tiran da
memoria lonxe de un.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário