Os
anos acaban mitificando o pasado, facéndoo un pouco máis importante
do real, máis irrepetible do que tiñamos conciencia e máis
querido do que o foi no seu momento, talvez. Volver das festas de
verán a pé tiña un encanto feliz que lle proporcionaban as persoas
coas que un andaba, e os seus logros amorosos, enormes xornada tras
xornada. Nese tempo non recordo moito de ter falado das orquestras
que amenizaban a noite, por máis que
houbese unhas que gustaban máis ca outras, e mesmo que algunha xa
se permitía o atrevemento de tocar pezas en galego ou de Galicia.
Falabamos de rapazas, de ligues e de rexeitamentos, que tamén os
había, namentres o camiño de volta se facía cada vez máis curto.
Era estraño que nese percorrido non atopasemos algunha panadería
na que xa estivesen a cocer o pan do día seguinte. E alí había un
arrecendo inconfundible, gorentoso, evocador dun manxar
suculento, especialmente apetecible para os que, nenos de aldea,
sabiamos ben como é imposible de ter só nas mans o quente pan acabado
de cocer. Lóxico así que en ocasións, e se as horas tardías
da nosa volta o permitían, acabasemos andando parte do camiño de regreso acompañados de bocados a un quente e mol pan do país.
Afortunado podo seguir sendo, aínda, ao ter que pasar a diario, agora cara ao traballo,
por diante dunha das panaderías que non esqueceron as fórmulas de
cocer, e que para min fai un pan notablemente mellor que panaderías
incluídas dentro das dez destacadas polo ABC, nesa listaxe que
pretende abranguer a todo o estado español. Grazas ao olor, aos aromas que entran no coche cando me aproximo, nas frescas horas da mañá, son quen de imaxinar que o traballo mesmo ao que vou é a sobremesa da festa diaria que disfruto.
Merquei tres versos
que hoxe van resesos
Merqueinos polos
brillos que posuían
Expostos como
estaban ás miradas
Tan tenros no
interior se presumían
Por darme un cerne
mol case caricia.
Merqueinos sen
pensar polo aspecto
Torrado dos marróns
de ben cocidos
E listos para usar
sen máis avíos.
Merquei por ter
carencias sensitivas
Buscando alí as
palabras afectivas
E quíxenas dicir
pero rompían
Recentes como eran
na fornada.
Chorei polos tres
versos que desgracia
Chorar polo que un
antes quería
Ollándoos tras das
bágoas relucían
Pero eu tiña
presente que partían
Quebraban en anacos
faragullas
Con sílabas
fermosas silandeiras
Moi lonxe unhas das
outras descolocadas
No afán de competir
por ser primeiras.
Xunteinas como
puiden con defectos
Tentando reinventar
eses tres versos
E duras sen miolo
esas palabras
Trouxéronme o sabor
do pan reseso.
Non quero versos
frescos
Non me importan
Non quero andar ás
modas
Que alguén dita
Se acaso alguén me
conta pensamentos
Imaxes que coñeza
sen ter visto
En sons que se
aproximen ao sabido
Terei de darlle as
grazas convencido
E comerei voraz tal
alimento...
No se me ocurren palabras, sólo sentimientos. Precioso de principio a fin.
ResponderEliminarDespois do que me dis, o único que podo contestar é ¡¡GRAZAS!!!!
ResponderEliminar