domingo, 2 de dezembro de 2012

La Loba




La karaba.

Teatro en Narón e posibilidade de gozar durante dúas horas, que alí pareceron menos, dunha obra que segue a ser de actualidade máis de oitenta anos despois de ser representada por primeira vez.

Onte o elenco encabezábao Nuria Espert, probablemente a artista española viva máis premiada, e, a bastante distancia,  un grupo de bos actores dos que, ao menos no meu caso, o máis coñecido viña a ser Carmen Conesa. A obra, ben; desfruteina desde a primeira fila e puiden observar de preto o repertorio xestual e os acenos de cada un dos personaxes. Ata cando bisbaban podía sentilos! O argumento actual, tristemente actual e perfectamente trabado, non por coñecido menos interesante.

Moi ben, todo, grazas.

E por que non aplaudín como o teño feito noutros casos? Por que non me puxen en pé cando saudaban? Por que non tiveron que saudar máis dunha vez? Será cousa do frío. Decembro e xeada por fóra a fartar. Calefacción dentro, pero frío desde a escea. Se se puidese resumir todo nunha frase, ao mellor sería: “Non fomos capaces de crelos, nin a eles, nin ao que dicían”. Incluso penso que algunhas das ocasións en que o públco se riu, aproveitouno para facelo como liberación. Explícome: Carmen Conesa, 52 anos levados como se lle ven, non é crible como “rapaza pizpireta” que está na etapa casadeira; Nuria Espert, 77 anos preciosos, non dá unha Regina que quere ir a Chicago a vivir os luxos que dan os cartos; Víctor Valverde, 74 anos, morrendo aos poucos xa na súa primeira aparición... 
Probablemente esta representación chegoulles vinte e cinco anos tarde, como mínimo.  Así, ao mellor, xa sería outra cousa. Agora ben, tampouco eu entendo tanto de teatro. E, de entender algo, entendo o difícil que ten que ser para a xente nova entrar neste mundo de vacas sagradas que están sempre e en todas partes (doutro xeito, como levarían premios?), independentemente das características que se lle poden presupoñer aos papeis que interpretarán. Non se axustan aos perfís? Sen problema: podamos por aquí, engadimos por aló e xa vai. A obra é unha adaptación (palabro-mantra imprescindible para un director que se prece) para que todos a vexamos actual. E así vale. O problema é que o público, ou alomenos parte del, é un inadaptado.

Coma sempre, unha cousa levoume a outra, e lembrei cando eu era pequeno e lin un conto de Valera, que se titulaba La Karaba. La Karaba e La Loba creo que acaban pertencendo ao mesmo animalario (que cousas, outra vez que estiven en Narón, no mesmo lugar, tampouco me gustou a obra: e iso que era dos de Animalario!)



P.S. Nuria Espert fixo Medea con dezanove anos. Hoxe, con xente coma ela,  seríalle imposible. E non quería acordarme nada de Bette Davis, pero tamén foi Regina con menos de corenta anos.




















Quen eu era xa non son...


Acórdome como era
antes de virme este tempo,
cando non tiña vivido
tanto sol e chuvia e vento.


Todo canto chegou novo
para quedarse onda min
foise escondendo nos ocos
dos valores que perdín.


Cada acto ten seu tempo
cando quere ter valor
alongalo máis da conta
case sempre sae peor.


Coñecedor son do ciclo
que é tempo de traballar
as horas feitas demais
rematan por estorbar.


Así como a boa comida
acaba na sobremesa
para o final do labor
non atopamos a présa.


Pensando que somos únicos
enganámonos a nós
a vida ha seguir igual
con outros talvez máis bos.


Aínda recordo o que era
antes de virme este tempo,
de verme como hoxe son
tamén me sinto contento.
















.

Sem comentários:

Enviar um comentário