segunda-feira, 17 de dezembro de 2012

Reis




Seica que por aló, por Serra Leona, para facerse rei (tamén teñen reis, os pobres) deben ser quen a cazar un mono. Eu non defendo a bondade desa proba, pois non me parece moi recomendable andar a fastidiar aos antepasados, pero eles téñeno como norma e precisan dunha paciencia infinita para poder facerse coa presa, pois deben cazala coas mans núas, de igual a igual. Parécelles que así proban o seu enxeño, a súa intelixencia, inda que eu o vexo case como un feito de constancia e, se me apuran, de turróns, sen máis.

A nova, onde se explica isto con detalle, deume máis que pensar conforme seguía a lectura. En realidade estaba a relacionarnos a paciencia coa infinidade de actos sinxelos e pequenos que se realizan cada día para deixar clara a oposición ás medidas que están destruíndo a nosa sociedade e levando a moitos sectores a situacións desesperadas.

Pero, en fín, eu non sei se estará moi ben traducido porque as palabras orixinais son kele, kele, ketch monki, en idioma krio, que é un dos que falan por alí, dicindo que en castelán significaba se necesita mucha paciencia para cazar un mono,  e iso de repetir dúas veces o mesmo non aparece na tradución, que ten oito palabras, oito, o dobre das que lle dixeron ao autor. Digo isto máis que nada porque aquel que non queira perseverar e agardar o necesario (presumiblemente moito, así como tres anos máis que é cando tocan as xerais) ten un argumento ao que acollerse. De ser o caso de empezar de contado a nosa caza, se hai que apuntarse, apúntome. Por se podemos vivir como reis!








Que veña a mutación,
para andar nela.


Non é por desbordar adolescencia
nin é por parecerme aventureiro
sabendo como sei o que outros sofren
mirándolles nas caras o baleiro
e véndoos reducidos case a cifras
que veña a sedición,
hei andar nela.


Non é por semellar algo valente
nin é por non querer ser máis da grea,
pensando no que din os que gobernan
sufrindo as inxustizas que son lei
e vendo mendigar por ser persoa,
de haber revolución
andarei nela.












.

2 comentários:

  1. Respondo con outro enlace, non eres o único que fala destas cousas:

    http://guillermolopezgallego.blogspot.com.es/2008/03/teora-y-taxis.html

    A min gustaríame pensar que sairía a rúa, pero non o teño claro...

    ResponderEliminar
  2. O que vén a demostrar que para todo se precisa paciencia, pois xa no 2008 falaba disto o blogue que enlazas. E á rúa debemos saír, pero a votar todos.

    ResponderEliminar