domingo, 30 de dezembro de 2012

Présas






Gafotas é un coello careto. Responde plenamente a eses animais afeitos a estar coa xente e a depender , máis do necesario, dos seus coidados.

Foi un dos primeiros coellos que naceu na casa e, xa desde os primeiros días, amosouse como necesitado de cariño, e como dador del, quizais pensando que nós eramos realmente os que o precisabamos. Tranquilo como era non foi difícil darlle de comer na man: primeiro pelas de mazá, despois anacos de cenorias, herbas ou o que máis lle gosta, verzas. Un pode darlle unha verza enteira pouco a pouco, deixando que el vaia triscándoa cun ritmo decidido e regular. Non era moi grande cando lle puxemos nome. Foi doado, pois coas cores da súa cara non lle quedaba outra que ser Gafotas, xa que grande é abondo...

Agora está indultado; unha vez que se achega a un para que o acariñe, cando se lle pon nome e estando contento cada vez que nos ve, quen se atrevería a poñelo en anacos na ola da cociña? Lembro a Homer Simpson comendo a Tenacitas, unha lagosta á que coceu por erro, despois de tela convertida na súa mascota, e non me estraña que entre bocado e bocado lle caesen unhas bágoas enormes. E eu non quero que me pase coma a el.

De todas formas a súa función cúmprea e por iso deille hoxe compaña cunha coella branca e grande. A coella, despois das primeiras embestidas de Gafotas, revolvéuselle con axilidade (ten sete meses moi lixeiros e libres), e devolveullas ao macho. Que rara, pensei, debe ser a natureza que tén estas cousas. Tanto tempo soa e quere facer o mesmo que lle fan, pura imitación, seica. Ao perseverar na actitude non me quedou outra que pedirlle a documentación ao animal. E aí estaba a razón do seu comportamento: os documentos que lle vin debaixo do rabo probaban, e claramente, a súa condición de coello.

Agora teño que pensar nun día destas festas para facer coello asado, porque ao branco non penso poñerlle nome.


P.S. A Gafotas observareino con detalle por ver se lle queda algún tipo de trauma psicolóxico por esta relación forzada. Pero é  tan bo que nin siquera protestou!








Gafotas



Véndesme un minuto de impaciencia
roubándome os amores que non teño.


Premuras, anticipos; todo présa
e irreflexión
que nos leva ao desconcerto.


Nada do presente permanece
firme, estable, a asegurar
circunstancias asumidas.


Instante fuxidío,
emocional,
nin luces na memoria, nin razón













.

2 comentários: