quinta-feira, 14 de julho de 2011

Espiritualidade






Fixemos unha agradable excursión polas terras do norte. O mundo máis próximo é o máis descoñecido, e non sabemos canto de fermoso hai na nosa terra gardado para impresionarnos, a pouco que a miremos cos ollos abertos.

Estivemos vendo o castelo restaurado de Moeche, co foxo que o rodea case recuperado, aberto en plena rocha, na que se recoñecen claramente os estratos en que se dispón, e que tén aínda zonas onde deixa que apoce a auga, collendo verdores propias desas zonas que aos nenos e aos maiores levan a soñar cos crocodilos.

Verde tamén aparece algún, mesturado con outras cores, no material que nestas zonas chaman toelo. Cantas máis cousas vexo feitas nesa pedra máis me gusta a pedra en si. Encántanme os seus óxidos de ferro, que, maiormente na buxardada, lle dan aspecto, ás pedras enteiras, de seren de ferro. É impresionante a balconada do campanario da igrexiña de san Xurxo de Moeche polas pedras das que está feito. Polas pedras das columnas das esquinas, absolutamente diferentes a tódalas pedras coñecidas. Cores azuis, grises, rosas, brancas, vermellas incluso. Vetas que parecen veas asomando vizosas pola pel pétrea. Non hai dúas pedras iguais, e para os que gustan das cousas limpiñas, pedra de Moeche pulida, suave, con mil tonos indefinidos para non decantarse por ningunha cor en concreto. Que fermosa é a pedra de Moeche!

Pegado ao adro xa se atopa o forno da rectoral, e a rectoral mesma. O forno, un  exemplo completo do que son capaces de facer os bos canteiros cando lles dan o material axeitado. Máis que cantería, dá a sensación que estamos ante unha colosal obra de ebanistería. Desta mesma pedra é o río de lavar que hai na horta da rectoral, cantería  ben traballada para dar un lavadeiro de considerables dimensións. A auga encanada en pedra, en serpentina que aquí faise máis serpentina aínda, chegaba ao río como corresponde, desde a fonte, desde a antiga pía bautismal á que lle deron un novo uso alí na horta. Fermosa pía labrada en fermoso material. Imaxino que a que hoxe estará na igrexa será de mármore branco perfecto na color, aínda que o mármore sexa sintético.

Ao fondo da finca, preto dun canaveiral enorme, está o vello muíño, ubicado ao pé dun regato con aspiracións de río pequeno. Por que lle chamarán río Grande ao río Xubia? Bo muíño para moer todos o diezmos parroquiais sen pagar maquía. Coa herba cortada, semella  que parte da horta foi herbal en tempos, co río desviado cunha canle ata a zona das canaveiras, onde formaba a cuba do muíño, e na que a auga entraba polos canos traballados en grandes laxes de serpentina. Que bonito todo aquelo, e que capacidade da natureza para pasarlle por riba á construción humana en menos do que canta un galo! Realmente, non somos nada.

Creo que se un quixese facer un estudo de casas pacegas galegas, adicándose só ás casas rectorais das pequenas parroquias galegas, xa había ter ben que facer. E moito que desfrutar.

Lóxico que a igrexa ande apurada a inmatricular todas estas cousas.










Tristes paxaros os merlos,
sempre vestidos de negro,
é polo frío que traen?
por non cantaren ao inverno?

Veno todo desde arriba,
buscan tan alto pousar,
que, sen saber escoitar,
non paran de predicar.






.

Sem comentários:

Enviar um comentário