terça-feira, 19 de julho de 2011

Mirar


A mirada do amor.
Véxonos tomando uns viños sentados a unha mesa das terrazas do Fontán. Momentos  agradables gozando da conversa con amigos. Hai o barullo típico dun domingo pola mañá, as voces alegres da xente, actividade, despreocupación... e, no medio, case silencio. O silencio que se dá, ás veces, neses intres en que o tempo se detén, e nada existe. Ese día foi provocado pola inocencia no azul duns ollos novos de rapaza que é capaz de ver só a unha persoa no medio dunha multitude que se difumina, que se funde en marco de realce do seu obxectivo.
Eran un grupo de baile, gaiteiro e bombo. Bailaban dous rapaces e oito rapazas. Un dos mozos, duns dezaoito anos arrogantes, acaparaba todiñas as miradas porque el era quen abría o baile. Pero, entre todas, só unha tiña o aire do amor. Esa calor que facía arrubiar as meixelas do bailarín, namentres representaba para ela a súa máis emotiva e mellor función.

Que peza bailaron? Non o lembro, eso esvaíuse coma a auga que se escoa polos dedos abertos da man. Pero os ollos azuis adornados coa ilusión do amor primeiro, parecen estar ao meu alcance, nunha cidade tranquila, lenta, apacible e chea de vida.







Quero despertar co día
encontrando cos teus ollos
para coller alegría.








.

Sem comentários:

Enviar um comentário