Falábanme hai uns días da facilidade con que certos inventos gañan popularidade e conquistan de contado o corazón das xentes. Vese en moitos ámbitos e mesmo no da historia, no das tradicións, no pasado perdido. A novela histórica inzada de supostos que non se sabe se foron, pero que puideron ser; as restauracións de monumentos, pazos ou choupanas, que se espallan sen control por todas partes; os estudos baseados na ampla información da rede, non contrastada e proporcionada por afeccionados á pescuda, acaban por dar como resultado unha paisaxe que agora se ve marabillosamente completada polas feiras medievais.
E non hai problema, cada vez hai máis, de máis días e en máis lugares, sexan ou non da nosa terra. Miragre? Non. Só consumismo. Desculpas para poder mercar produtos que non se venderían (nin por aproximación) nese medievo aludido, pero que custan catro veces máis que un día calquera nunha tenda sen nome desas vilas nosas, nas que o comercio esmorece de luns a venres.
Preguntábanme, na conversa que mencionaba ao comezo, se sabía dalgún lugar onde a xente se vestise, toda, sen distingos, co traxe tradicional galego para celebrar algunha festa especial, e non fun quen de responder. Non coñezo nada parecido. Será que o traxe tradicional aínda o recordamos algo, e non podemos inventalo como facemos cos medievais, e así, claro, que mérito pode ter!
.
Debuxo de Castelao |
As portas que se abren con esforzo
non sempre con oferta do agardado,
evidencia son, en moitos casos,
da confusión nacida no soñado.
As portas que se abren a deshora
deixando o seu sabor do non querido,
esceas das imaxes infelices;
estancias agrandadas co perdido.
As portas que non chegan a abrirse
esquecidas no limbo dos baleiros
anceio que quixemos sen sentido;
constancia dos idos días primeiros.
Portas que se cerran para nós
perdendo así con elas unha opción
con dores, con forma de fracasos;
na conciencia da nosa imperfección.
Portas que nos pechan por axuda
coidando dos perigos do exterior
gardados no abrigo do fogar;
querencias transmitidas por amor.
Vixía do evidente na atalaia,
creando identidade e sentimento,
ciumosa, poboando intimidades,
a vida estará portas adentro..
Sem comentários:
Enviar um comentário