sábado, 5 de fevereiro de 2011

País...

Ponte Caldelas é un lugar pequeno perdido aló no interior da Pontevedra  despoboada e onde, no inverno, vai un frío que pela, que só é compensado pola calor abafante que sofren no agosto. Eso sí, as súas malas comunicacións fan  que a distancia a Vigo semelle enorme, aínda que non o sexa.

Para compensar teñen un río de augas moi limpas, e alí poden refrescarse. O río chamouse río Caldelas e ao funcionario que lle correspondeu esta folla do mapa topográfico nacional non lle fixo falla consultar ningún dato. As razóns eran obvias. Ponte Caldelas.

Os veciños, sempre sensatos, nin se ocuparon da cartografía local, e seguiron a disfrutar das augas do río Verdugo que, sen estar no mapa, non tiña incovenientes en pasar por alí con moreas de troitas para entreter aos pescadores.

Estes días segue pasando tamén, e paseando, a saramaganta, unha pasada de anfibio que aínda nos queda despistado por algún lugar da nosas terras, coma as fragas do Eume (a este río tamén lle arrean ben, pero doutra maneira). A saramaganta, a pesar de ser unha píntega de nada, conseguiu que a estrada que están a facer para o cárcere de A Lama free un pouco e pense noutro sitio para pasar.

Desde logo hai pobos que non saben que escusa buscar para facérense famosos. Será porque o futuro está  en chamar a atención? 

Debe ser certo, porque alí tamén celebraron un espectacular campionato de caza do raposo




Por outra banda, que mundo é El Mundo ao que lle dá o mesmo  anfibio ca réptil? Ou,  ao mellor, como todo evoluciona, xa son a mesma cousa, porque o nome científico si que o saben. Vou ter que actualizarme...








E todo camiñou cara ao ocaso.
Os soños esvaéndose aos poucos.
Os globos desinfláronse de vez.
Igual sexa con présa ou veña tarde.
O fin, a conclusión que nos remata,
apaga a ilusión, pon sensatez.

Doe o corazón, a mágoa o mata.
A luz vólvese cabo que non arde.
Manter así esperanza ha ser de loucos.
Andar, retroceder, un mesmo paso.
A vida por vivir, só tozudez.







.

Sem comentários:

Enviar um comentário