segunda-feira, 14 de fevereiro de 2011

Venus


Para Álvaro de Campos, ou Pessoa, que vén sendo o mesmo, o binomio de Newton é tan fermoso coma a Venus de Milo, o que pasa é que hai pouca xente que se dea conta.

Miraríalle só os brazos que lle faltan?



Os matemáticos son os que fan que as as dun avión non se enchan de xeo, que os pacientes con diabete poidan ser monitorizados de xeito non invasivo, que os grandes bancos gañen unha chea de cartos …

Claramente, pois, o binomio de Newton ten que ser tan fermoso coma a Venus de Milo. Incluso, se o penso ben, para que quereremos á Venus de Milo?





No niño novo do vento
hai unha pomba dourada,
meu amigo!
Quen puidera namorala! 
A. Cunqueiro 


Se houbese un niño no vento
E, nel, a pomba dourada,
Ti habías namorala,
Meu amigo,
Ti habías namorala.

O seu canto sería luz
Iluminando os teus versos
Meu amigo,
Ti habías namorala.

As túas verbas o leito
Acomodando o amor.
Ti habías namorala,
Meu amigo.

E duraría unha vida,
con máis de mil primaveras...
Ti habías namorala,
Meu amigo,
Ti habías namorala.


.





3 comentários:

  1. Gústame o blogue (IV ) por imprevisible.
    ( e paradóxico! )
    Cada día que o busco, sempre me sorprende.
    Hoxe falándome de Pessoa, de Newton, de Venus...
    e logo, emocionándome con Cunqueiro - que cumpriria cen anos no vindeiro decembro-
    ....
    Leede e recitade esa cantiga , tan íntima...!
    - Canto ben nos fai ! -
    Parabens.

    ResponderEliminar
  2. Sinto interrumpir neste ambiente bucólico e pastoril pero paréceme que se xulgan os gustos de Don Fernando con certo “rintintín”. Xa sei que o poeta anfitrión sabe, que cando moza, ninguén como a Venus para derretir xeos onde queira que estivesen, para dar ás, ou mesmo para facer voar sin elas; e antes de ser manca tiña moi boa ma inspirando movimentos de capital, transaccions e esvaecementos de fortunas; e durante moitísimos anos as tablas ximnásticas popularizadas por ela eran un dos millores preventivos da diabete.
    Asi que Pessoa non despreza á Venus por trenca ou inútil se non que valora a Newton polo que ten de poeta, porque xoga ó mesmo que él: meter o universo nunha fórmula. De feito teño entendido que, a quen atopa o xeito de entrarlle a unha fórmula matemática, unha desas ben reviradas, pásalle como a quen lé un bon poema con aprobeitamento, que sinte como si se lle abrira, como se abre a paisaxe cando acadas o alto do outeiro.
    Si eu fun quen de ver as estrelas diante dos humildes quebrados, axudado eso si pola gadoupa do mestre agarrando a miña orella, que non vería Pessoa no fondo do Binomio?

    ResponderEliminar
  3. Pasa, pasa, que a porta está aberta! Ademais agora xa case andamos de sobremesa e sempre vén ben xente que acompañe. E de interromper nadiña, que a conversa vai para longo e así faise máis atractiva. E aprendemos, ben, aprendo eu, porque a verdade que acabo sabendo cousas que antes nin me soaban. Sempre digo que a curiosidade é unha fortuna, máis que unha debilidade.
    Gústame eso de bucólico, paréceme que lle acae tamén de boa maneira a esa pequena tristura que a min me transmite a Venus (se bucólico fai referencia a cousas así, coma sereno, tranquilo, doce ou case melancólico) porque se vén polo da boca, non sei, non sei...
    De pastoril, de momento, nadiña, aínda que todo se andará, estou case por pedirlle (nestes tempos é mellor pedir que mercar) a un amigo algunha ovelliña e así a cousa xa pintaría.
    Fermoso tivo que ser ver as estrelas cos quebrados, pois eu, máis prosaico se cabe, cada vez que miro ao ceo ando co medo de confundir a Venus (outra vez) cunha estrela, e escapo das que están soas para pararme a mirar aló arriba as que andan xuntas, ao mellor polo que me emocionan as sumas. De verdade, sempre atopo praceres infinitos (a matemática que non nos deixa) en sumar. Hoxe mesmo é coma se vise luces de mil cores con cada unha das cousas fermosas que escribiches ao sumarte a este pequeno curruncho, cunha xenerosa oferta verbal.

    ResponderEliminar