quinta-feira, 3 de fevereiro de 2011

Socioloxía


17 de xaneiro de 2011. Hoxe é o día máis triste do ano. Acábano de dicir no telediario. No da Sexta, ás vinte vinte e tres exactamente. Estudo sociolóxico importante e serio. Seica é porque empezan a chegar as facturas da tarxeta de crédito, o tempo é frío (non sei se no hemisferio sur será frío tamén, ou se eles entristecen outro día), e por riba, a estas alturas de xaneiro, un xa se decata de que os plans que había para o 2011 van ir a pique, polo que de cambio nada. Se lle cadra, inda cambian para peor.

A min estas cousas gústanme, paréceme bárbaro que se fagan informes deste tipo, que haxa empresas que cobren por estudos de campo, por facer análises, tirar conclusións, publicalas… É unha maneira fabulosa de combater a crise, de crear postos de traballo, de mellorar o IDH,  de facer I+D+i ... De liala parda, resumindo.

E aínda seguen a vender fume.
Falando outra vez dos fumes, que vai pasar cos arenques?, e co queixo de san simón? Vaia desastre!
Ah, vou estar atento por se era certo o do día triste, de ser así, presinto para min un ano insuperable (Estou decidido a non estar nada triste cada dezasete de xaneiro para poder choutar de ledicia un día tras doutro).


Era mentira. Só pasaron quince días e xa estiven máis triste que o día dezasete, que me acordo. Xa mo parecía. Moito falar, moito falar, pero nada.



Abandonado






Digo amor, e só me sae tristeza,
tristeza a fluír leda en cada poro,
recordo dun pasado tan fermoso
vivido con derroche e corazón.

Penso amor sincero, e teño nada,
inútil coma todo o que un non tén,
que perde, sen sabelo, cada día,
que sabe que non tén cando o perdeu.

Recordo o teu amor, e hai desexo.
Como alimento parco, que dá fame,
evoco unha paixón que me devora
e morro nun amor que rematou.




3 comentários:

  1. Gústame o blogue porque (I) é orixinal.
    A combinación dunha prosa breve ,concisa e retranqueira , cunha poesía profunda, fai que a lectura sexa sempre ávida e curiosa.
    Tin_Herva

    ResponderEliminar
  2. Gústame o blogue porque (II) é raro.
    ( no sentido de Fito : "no digo diferente, digo raro" )
    Alguén fala de cousas íntimas, e reflexiona...
    e logo vai, e comparte con nós POESIA -maiúsculas-
    ( e sentímonos cómplices felices )
    tin_herva

    ResponderEliminar
  3. Gústame o blogue porque (III) é bucólico.
    Se ollades o blogue desde o seu inicio -decembro/10-, atopades un panteismo delicado ;un aire bucólico impregna os textos : o autor escribe desde a felicidade familiar dun recuncho animado de gatos - Rita - , e cans /López/-.
    O mérito é transmitir esas sensancións, tan pracenteiras.
    Él acádao.
    Tín_Herva.

    ResponderEliminar