Todos temos ideas, nosas ou prestadas. Se un se esforza en defender esas súas ideas é porque pode crer en algo, e iso está moi ben, porque supón claramente que está vivo. Aínda que desmaie ás veces con e sen dor, eu por momentos resucito, e síntome francamente ben. Volvo crer en cousas que me seguen a ilusionar e me dan unha certa sensación de que a dignidade das profesións pode depender das persoas e non se dilúe nunhas entelequias de mírame e non me toques absolutamente superfluas.
Cando todas as miñas contradicións rematan por chegar a acordo e me deixan ser eu mesmo, ilusiónome crendo que o mundo que habitamos vaise facendo mellor grazas aos esforzos desas moitísimas xentes que cren no que desenvolven tódolos días, de xeito rutinario, pero convencidos de que o fan da mellor maneira que saben e poden. Simplemente porque non lles dá igual.
Eu querería ser sempre así.
Oíanse as campás chegar co vento
a traer uns avisos repetidos,
compaña, para o aire, de promesas
de amores sen final, por incumpridos,
e postos a voar, sen intencións,
en citas que quedaron canceladas.
Aviso gardado, e innecesario,
nos tempos sen bonanzas.
Desventuras de tempo insolidario
dunha especie a prol do exterminio.
Son soas as campás que toca o vento,
habitante exclusivo dun planeta
no que limpa a miseria do que somos.
Ninguén escoita nada do que se oe.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário