quarta-feira, 27 de abril de 2011

Adultos



Contáronme unha historia XXX. Ou case. En realidade constituíu todo un relato pornográfico rematado de mala maneira. Os protagonistas, uns amigos; a vítima, mellor as vítimas, unha parella de cans:  a cadela, que non tiña moitas gañas de estrea sexual,  e  un can, desexoso de asegurar a súa continuidade xenética. Seica levaron aos dous animais para un paraíso campestre, con zonas nas que se podía presupoñer un fermoso e natural acoplamento canino, pero nada, quizais por estaren fóra do seu medio cotiá, quizais por falla de tempo para o achegamento, nada de nada, nin suspiro, nin desexo, nin trazas de que se fose presentar. De aí a levalos á residencia canil da damisela perruna, todo un. Resultados  nulos, sobre todo por parte da ama do territorio, esquiva e fuxidía, probablemente para darse a valer e que lle fixesen, porén, as beiras de xeito estimulante. Os humanos, que todo o leamos, seica tiveron a ocorrencia de inmobilizar manualmente á cadela e permitir así o acceso do can. Pero foi exceso, e a cadeliña queixouse, laiouse, berrou e non se foi porque non puido. Reacción humana irrefrenable, por mais que indebida, resultou o tirón de separación coital, que, entre cans, non produciu separación real, pero levou aos berros a macho e femia, xuntos, e non con pracer precisamente.
Os libros, que todo o gardan, dentro das fermosas páxinas realistas de Vargas Llosa, deron a información necesaria para solventar o caos: Un caldeiro de auga ben fría por riba dos animais, sobre todo mollándoo ben a el, e punto final.
Debo aclarar que, polo visto neste caso concreto, o premio Nobel non se documentou ben para a novela. Non abonda cun caldeiro de auga fría, son precisos a lo menos dous.
O asunto acabou así pasado por auga e cunha inundación de tamaño considerable. Non sabemos de momento se haberá crías, pero danos colaterais si que os houbo, e de todo tipo.






A burra era pequena,
ben o sei,
baixiño tiña o lombo
para min,
andar un pouco torpe
na carreira,
e pelo case branco
todo el.
Eu víaa algo fráxil,
de cargada,
mais sendo ás veces libre,
indo ao seu,
feliz me parecía
se a miraba
Na vida aló nos ollos
moi sentidos,
con sitio para min,
con calor,
había un ser querido,
case débil,
no amor que suscitaba,
de arredor.






.

Sem comentários:

Enviar um comentário