Na estación da primavera entra de vez en cando o tren do frío. Así, pasear pola horta volve recordar ese vento xélido, de inverno duro, que deixa os pómulos con pel tirante e fai que as mans busquen resgardo nos petos. Son pouco días, pero son días fermosos porque nos deixan ver o coñecido baixo ángulos distintos. A curiosidade, innata en min para todo aquilo que me interesa, obrígame a estarlle agradecido a estes días regalados para romper as bonitas monotonías do tempo das flores.
Corazón
É modestia aniñarte polos cotos,
ou que andes entre as herbas arrastrado,
se chegas a poñerte colorado
tórnaste froito dos que fan devotos.
Encanto da pequena redondez,
elegancia paisana no teu porte
saíndo de entre as follas, cando hai sorte,
flores tras flores, unha e outra vez.
Polas restras xa furado, en altura,
magoado, sangue dás de corazón,
maduro, querido froito sen cura.
Exquisito, o sabor é evocación,
único e persistente. Se nos dura
na memoria, é por ser un careixón.
.
A min gústame o blogue, por oportuno!
ResponderEliminarMoi ben traída a reflexión Fe ( 18-04-2011 ).
Encántame a clarividencia que tes para detectar e redactar, meditación e poema :
traballando e armando opinión, crítica, endecasílabos....
( e logo , o acerto gráfico dunha imaxe ..esa Berenguela torcida !! )
Parabens agnósticos.
Tin_Herva.