Como se come eso?
Estes días andan coa feira do libro en Ferrol. Aproveitando as rebaixas (un dez por cento é un saldo se se administra ben), merquei algunha cousiña. Non había moitas casetas porque esta cidade é pequena e, dende sempre, á súa xente tíranlle máis as ciencias que as letras...
Un dos libros que collín foi Indignádevos, barato-barato, e iso que leva o prólogo de M. Rivas, porque o de castelán, co prólogo de J.L. Sampedro, xa o lera en internet, e de balde. Total, dous prólogos e un libro, catro euros cincuenta.
Hoxe, do mercado, trouxen unha pescada de boa pinta e pouco peso. Custoume algo máis có manifesto de Hessel e cando a coma vou quedar sen nada. Ata o sabor (gústame facela cocida e cun rustrido de allo e cebola con pemento doce), vaime ir desaparecendo para quedar en nada.
Preocúpame pensar que co libro, alimento ao fin tamén, me poida pasar o mesmo.
No que cabe, máis me inquieta o desa auga do deseñador galego, arrincada das profundidades da terra; auga que non é con gas, pero tampouco sen el (galega e indecisa pois, como cumpre), envasada en botellas de aluminio que a seguirán afastando da luz solar que todo o vulgariza. Canto custará?
Se a miña pescada superou o prezo do panfleto, esta auga ha andar polo custo da obra completa de Lois Pereiro. Polo menos.
A cousa aínda é peor do que pensaba, acabo de lembrar que canto máis pura é a auga menos nos alimenta...
Non teño présa por nada;
nada me merece apuro,
agora xa sei seguro
que por esperar chegada
esta hame vir retrasada.
Non importa o que se pida,
nin se é cousa merecida,
aquelo co que soñemos,
por máis que o necesitemos,
ha de vir cando o decida.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário