segunda-feira, 26 de dezembro de 2011

Cavernas




Os odeóns xa existían desde antigo, creo que eran locais destinados a fornecer ao espíritu, e para iso vendían alí música, ou incluso poesía, en doses axeitadas. Que cousas facían xa antes, e non era  puro mercadeo.
Dolce vita son dúas palabras que entenden todos os que non saben falar italiano. E probablemente non sexa necesario lembrar a película e a incomunicación.

Agora odeón e dolce vita convertéronse en algo distinto. Ou non, que nunca se sabe.







Domingo de decembro en odeón,
luz acesa e nadal de coloríns,
pouca xente despistada paseando,
un contraste entre novos e maiores
(pensionistas,
case tantos coma obreiros, din algúns,
de sumarlles os parados).

Son mesas ocupadas en terraza
(miradores para o tempo que non pasa):
home calvo con xornal que toma auga
vese só e agachado nas palabras,
semellantes ás que di polo seu lado
a parella co rapaz que os acompaña
na conversa intermitente, nesa mesa
dous cafés e cocacola refrescante
que non lave os sonidos ambientais
(tecno, a música, en inglés, é natural).

Un  espirra e non se tapa, para que?



Recollida na súa mesa vese soa,
os seus netos, vinte e pico co seu neno,
nin a miran mentres falan entre eles
das súas cousas, indo ao seu,
agardando unha cervexa e dous cafés,
que lles cobra a camareira resignada
a volverlle seis con dez para esa avoa,
non son tempos de esperar,
menos  propina.

Mais ao lonxe todo o mesmo, segue igual,
os sabores han de virnos do ruído,
desas luces atraíntes coma xogos,
desas cores coñecidas e agardadas
polos que xa nin as ven,
son anuncios que todos levamos dentro:
atopalos perseguíndoos é a acción.

Vense cartos
e indolencia postural nunha parella,
mai e filla sen problema de carteira
aprezable,  en mirada aquí cansina,
nada novo agardado. Nin ha vir.


O van e  innecesario xa  vital:
mercarán, xesto adusto e  repetido,
o produto que non vai ilusionar.

Máis que tipos,  personaxes nunha obra,
nun teatro sen final e con mil actos
no que entras para non poder marchar.

Que figuras tan extrañas vemos todos!



Pais que  teñen globos dos pequenos,
non hai nais neste mundo masculino;
o centro comercial vólvese  parque,
crianzas a xogar xuntas na pista,
nese xogo para pais que pouco miran,
evadidos
en lugares importados polas mentes.

Territorio das mulleres que faltaban
son as modas,
tantas tendas como hai,
a elixir o que ben  senta,
e non lles cae
en ningunha desas transaccións finais.


Nada mercan,
proban só por saber o que han mercar
cando cheguen as rebaixas polos reis,
se soportan os desexos provocados
ao esvarar suaves sedas na núa pel,
ao notaren o que dá tan bo xacer.





Pasa a tarde,
pero a xente non se vai,
veñen  grupos de rapaces moi moi novos
que quedaron decididos a saír,
pero non saen,
dentro eles  rodeados de paredes,
ben no cine,
ou nos bolos,
se lle cadra ao fast food,  a merendar.

Elixir  non saír para non ver
que aló,
por fóra,
nada hai que a un lle poida interesar.

Eu non sei dentro...















.

2 comentários:

  1. Maravilloso retrato intimista de la realidad que nos rodea.Asombroso acierto de las palabras que expresan a la perfección lo que se observa, a la vez que exprimen los sentimientos, los deseos y las vaguedades más humanas.
    Felicidades

    ResponderEliminar
  2. Unha das palabras que boto de menos no uso cotiá é "regalía". Lendo o teu comentario, veume de inmediato á cabeza. Vaia regalía para min! Grazas!

    ResponderEliminar