quinta-feira, 22 de dezembro de 2011

Galos




Onte quedou marcado con sangue no calendario. Con sangue de polo. Agora temos un menos, e mañá comeremos carne. Seguro. Collelo, levalo no colo pasándolle a man polo lombo, a fin de calmalo, poñelo enriba do tallo de picar, estirarlle cara ao exterior o pescozo e darlle un golpe co machado pequeno, pouco tempo levou. O galo nin se moveu, pero tiven que mantelo agarrado durante unha chea de segundos, xa sen cabeza, mais con sangue aínda e con movementos espasmódicos que ben o poderían ter levado lonxe do lugar da súa morte.

Con esto lembrei a historia que contou unha persoa de aprezo, referida tamén a estas aves. A ela, urbanita de pro, regaláronlle dous fermosos galos de curral, cesta incluída, en datas próximas ao nadal, e con ánimo de que celebrase un bo banquete. Decidida como é, á nova propietaria non lle faltou tempo para iniciar os rituais do sacrificio; non obstante, muller e compasiva ao fin, decidiu usar un pequeno coitelo de cociña para non causarlle demasiado dano ao galo ao que decidira quitarlle a vida. Con coidado, mimo case, sacouno do cesto, e sentouse con el á mesa. Falándolle, por mor de tranquilizalo, colleuno polo peito, pasándolle o brazo esquerdo por debaixo namentres co dereito lle facía un corte (mínimo, dixo, para que non lle doese), na parte superior do pescozo. Cantar o galo, mover as e patas, soltarse da súa man, revoar e marchar esparexendo sangue por todas partes, foi todo un. Horrorizada co espectáculo que comezaba, saíu presta da cociña pechando a porta sen mirar e deixándose esvarar contra a parede ata sentar no chan.

Conta que despois estivo case unha hora no pasillo, sen moverse, oíndo só o estrago e a destrución do galo dentro da cociña, ata que a chamada á porta da rapaza que lle axudaba coa limpeza lle permitiu volver en si,  ademais de porlle  fin á historia (histeria).

Seica levou case a tarde completa limpar o sangue da cociña.

Do segundo galo encargouse xa directamente, días despois, e na súa propia casa, a empregada. O galo só volveu entrar no piso limpo e case listo para ir ao forno. 









Trabámoslles, amantes como somos,
aos froitos ofertados pola vida.
Tragámolos, expertos predadores,
á procura do pracer descoñecido.
Tratamos, nos días, na experiencia,
de nutrirnos  nas fames necesarias.








Sem comentários:

Enviar um comentário