quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

Mundos




O mes vai mediado e un aprende historias por aí, coma se fosen caendo do ceo, por ver canto non nos cambiou este mundo.

Fun onte a unha conferencia sobre escavacións en Siria, e asistín tamén a dúas presentacións de fotos e pequenos vídeos collidos nesa zona. Gustoume a paixón do conferenciante, a fe que puña na súa intervención e a ledicia coa que contaba os achádegos e a fortuna que tiveran os arqueólogos. Traballaron alí desde o 2005 ata o ano pasado; agora, cos problemas políticos que sofre o país, non hai traballo ningún. A deusa fortuna axudounos, dicía, e así conseguiron ser os primeiros arqueólogos españois en atopar taboíñas con escritura cuneiforme. E eu digo galegos, porque as expedicións estiveron dirixidas pola universidade de A Coruña, á que pertence o conferenciante.

Impresionoume ver a cantidade e calidade do traballo realizado nestas expedicións, e máis aínda, saber que a dotación económica total da que dispuxeron foi de 200.000 euros. Oíndoo, resultoume imposible non relacionar esta cantidade coas cifras movidas nalgúns dos casos de corrupción que andan ocupando ás nosas autoridades. Mundo este!

Souben onte que en Uruk, xa na epopea de Gilgamesh, para considerar ás persoas civilizadas, tiñan moi en conta a existencia de consumo de pan e cervexa. Que mundo aquel! A atención ao corpo e ao espíritu, que tanto seguimos a precisar, non difire moito da dos nosos devanceiros mesopotámicos.

Hoxe, grazas á internet, souben tamén que no museo do Louvre hai un fermoso relevo de Gilgamesh, e que 25.000 taboíñas de arxila con escritura cuneiforme (todas as da biblioteca de Assurbanipal) están no museo Británico. Menos mal que os galegos deixaron en Siria as dúas que atoparon eles! 

Que mundo este!








Esquecida do seu dono
vese a sombra unha perdida
sen coñecer que o seu sino
é arrastrarse pola vida.


Sombra que tapará a luz
ocupada en darlle o óbito
buscando negras caricias
ás escuras, coma tósigo.






.


Sem comentários:

Enviar um comentário