quinta-feira, 29 de dezembro de 2011

Maceira




As mazás véñenme asociadas, dun xeito ou doutro, a Amancio Ortega, e xa ando mosqueado. 
Hoxe comemos raxo con mazás, seguindo unha receita viquinga (seica, porque a saber o que comían eses homes sempre embarcados; non os imaxino levando con eles unha arca coma a de Noé). As mazás acabadas de coller da maceira de fronte á cociña. As das pólas máis altas collinas xa no chan, despois de cortar a árbore enteira. Deume pena porque era das primeiras maceiras que plantei na horta, pero estaba en moi malas condicións, tanto por unha peste estraña que lle ía sacando vultos por todas as pólas froiteiras e botando neles unha especie de algodón branco pegañento ao tacto, coma por unhas pragas de pulgóns negriños, da que estaba inzada. Non sei de onde lle viñan os males, pero como estou decidido a non usar produtos químicos nestas cousas de comer, a enfermidade da maceira volveuse, ademais de crónica, fatal, xa que as mazás de marica de xudas que daba íanse facendo máis pequenas e máis escasas de ano en ano. 
Unha vez cortada a árbore, e coa enormidade do lugar ocupado só con aire, sentín tamén un certo baleiro no corazón, porque asociei a ela, e ao verán escenas familiares e felices das que a sombra acolledora foi máis que testemuña vexetal.
Á volta, morriñento como andaba, os fados leváronme a ler na rede que Torre Picasso, en Madrid, acababa de ser comprada por Amancio Ortega. E eso despois das mazás inglesas. Só pagou catrocentos millóns de euros, pouca cousa; pódense conseguir en 624.024 meses, ou ben en 52.000 anos, cobrando os 641 euros do salario mínimo interprofesional. Os negocios do emprendedor seguramente terán miles de persoas cobrando ese salario, polo que xa pode ter  xuntado para a compra, e non necesitará hipotecas (porque os bancos agora son moi reticentes a dalas).









As herbas medran a modo
nas raíces do inverno,
con orballo e con xeadas
non se ve nada moderno.

Seica vai cambiar o clima
polo que nós lle facemos,
se non coidamos o noso
o cambio mereceremos.

Esgotamos os recursos,
tiramos o que son sobras,
deixamos todo ciscado
e enchemos todo de obras.

Ás veces chove demais,
noutras alóngase a seca,
sopran ventos de desastre
desde Estocolmo ata a Meca.

Non se sabe que é peor
se vermos no monte lume
o tráfico das cidades,
ou ter fábricas con fume.

Piden de nós un esforzo,
menor contaminación,
a ducha en lugar de baño
e menos calefacción.

O asunto provoca risa
se un se para a pensar:
facéndonos consumir
obrigan a reciclar.

Que dano se ve maior,
a tala dun bosque enteiro,
esquilmar máis unha especie
ou que importe só o diñeiro?

Mentres vén a solución,
a que os gobernos decidan,
fagamos, moi ben mandados,
todo aquilo que nos pidan.








.



Sem comentários:

Enviar um comentário