quarta-feira, 4 de maio de 2011

Protocolo

Estes días, coa voda inglesa,  atendéuselle moito ao protocolo. Estivo máis que de moda,  e nós, que todo o aprendemos, acadamos coñecemento innecesario e exótico. Innecesario porque será difícil que acabemos en tesituras semellantes. Exótico porque está tan lonxe de nós todo o que vimos tan preto, que vén sendo algo parecido a cando aos americanos lles deu por pisar o chan da Lúa. Porque o pisarían, non? De tódolos xeitos, curioso todo o evento si que o foi.  Traxes obrigados, saias de medidas marcadas, sombreiros impostos... Mira que son raros os demais, co normaliños que somos nós!

Por eses mesmos días nós rompemos as máis mínimas normas da educación facendo agardar horas a uns amigos para que nos puidesen convidar a cear e a compartir con eles o seu fogar. Tarde como chegamos fomos recibidos por unhas risas tan contaxiosas que non quedou outro remedio que entrar rindo tamén, e o noso apuro de xente algo educada esvaeuse sen máis antes de cruzar o van da porta. Que agradable é que o reciban a un con risas!

¡Asustásteme!, foi o que lle dixo o veciño á amiga que nos recibiu con risas.

¡Asustásteme!, ao vela diante da porta do ascensor cos brazos abertos e un sorriso enorme na boca, crendo que eramos nós a carga coa que subía o ascensor, non o veciño, que para nada se creu merecente dun recibimento así de cordial.

¡Asustásteme!, e parece mentira que nos poida asustar que nos reciban cos brazos abertos... Quizais os nosos sistemas de valores, ou os nosos protocolos, deban ir axustándose algo.

Co que me gusta a min a risa!










Paxaros que non voan polos aires
Levados combinando con colores
Refrescan pensamentos e dan moda
Probando de evitar así dolores.
Molestas, recurrentes, que entontecen
Usados sen taxar e sen mesura
De carácter veranse algúns enchidos
Contaxiados ao acadaren máis altura
Adornadas as damas, rechamantes,
poderán exhibir máis fermosura.

Inventos obrigados necesarios
para todo aquel que así os precisa
sabedores, ou non, nunca se sabe,
que dar, en certos casos, só dan risa.






.

Sem comentários:

Enviar um comentário