sexta-feira, 6 de maio de 2011

Xenética



O neno estaba co seu pai,  vendo como este  revisaba o motor da lancha que tiña na horta para reparar, ao pé da casa. Era pequeno, pouco máis do ano, e practicamente non falaba. Ollaba  atento o traballo sen apenas moverse. 

O amigo do que xa falei, o das ovellas, achegouse por alí co añiño que aínda  o segue a todos lados, e chamou ao pequeno, para que xogase co año, estendendo os brazos cara a el. 

O neno apartou a vista, despois de miralo pouco, e díxolle:

-Brrrmmmm, brrrrmmmm, brrrrmmm!

Está claro que xa se ve  máis próximo á mecánica que á bioloxía.







O camiño para a mar é a derrota,
marcada pola escuma que atrás queda.
De cor branca, limpa e clara cando leda,
escura, triste e gris, se apenas flota.

Na alegría andaremos un camiño,
na segunda igualmente serán rumbos
a amantes amolados a dar tumbos
mal guiados noutra ruta do cariño.

Camiño para amar nunca é derrota,
nin desfeita cando produciu amor,
entregado sen medida e sen cota.

Vivido no delirio e na calor,
ronsel de emocións para unha nota
pagada con ardor e sen rubor.








.

Sem comentários:

Enviar um comentário