quarta-feira, 22 de dezembro de 2010

Auga



Un dos mares que sempre me chamou a atención é o mar de Aral. Está lonxe, pero próximo a min, que, cando o busco no mapa, non vexo nunca distancias, unicamente un nome: ARAL.

É un mar que durante moitos anos foi privado da auga de dous ríos, o Amu Daria e o Sir Daria, para regar terras desérticas e producir nelas algodón, desde os tempos da guerra fría. Todo iso se conseguiu, pero o prezo é a case desaparición total do mar. Tampouco é que importe moito, porque a auga que lle quedaba enchérona de restos minerais de productos de abono agrícola, e de restos contaminantes de probas de armas químicas e biolóxicas; eso si, sal e area queda en tal proporción que de vez en cando repártense, en tempestades de vento, grandes cantidades incluso a países veciños.

Andaba por alí o ano pasado Isabel Coixet, a filmar un documental sobre o tema: Aral. El mar perdido. Veremos o que hai.

A semana pasada vin na televisión a uns agricultores alacantinos que estaban ensinando o algodón transxénico que cultivaban, en plan proba, e que por rendemento e calidade viña a ser o segundo mellor do mundo (de primeiro está o exipcio). Pedían que se cultivase xa de xeito industrial.

Aquí non vai haber problemas. Alacante non ten o mar de Aral.






O Eume tranquilo fálame de preto
en voces nas imaxes color sepia
de baños con moi raro bañador.
As cores danse a ver en días de agosto,
saltando entre os agochos do raposo,
baixando na Barrosa a suar ao sol.
Caemos na beiriña desde a pena,
chapuza que chapuza para diante,
mirando cara a Irís só un maior.
O Eume xoguetón é o da xunqueira,
el daba os seus cabelos a trenzar,
prestaba aquelas pedras saltadoiras,
tesouros que non sempre se atopaban,
e ensinaba á ilusión a viaxar.
Labrego vexo un Eume de gamelas,
serias e con firmes rectitudes,
convivindo coas vacas e con carros,
agardando pola herba ou polo viño
e por aquilo que tivesen que levar.
Areeiro, houbo un Eume construtor
de paisaxes lunares de ribeira,
de fontes surtidoras de mil fangos,
de pozas máis profundas cá razón,
con lanchas transformadas en chuponas,
samesugas xigantes sobre a auga,
zugando dese leito o seu placer.


Perigoso e feroz, será ese río
doutro nome e con curso diferente,
non o Eume recordado para min.



Fermosas Fragas do Eume
.

Sem comentários:

Enviar um comentário