quarta-feira, 15 de dezembro de 2010

Autodefinido


Unha vez, non sei onde,  para coller tódalas cereixas que aquel bo ano lle dera a  cerdeira, o dono cortouna polo pé. Despois de coller a froita toda,  e realmente feliz, pensou que así ademais ía ter leña para o inverno.

Imaxino que hai fogos que se teñen que ver desde moi lonxe.


Autodefinido

Proclamo que non creo nas consignas
deitadas como alento para a xente,
repetidas en vítores calados,
en noites que dan fin non desexado.

Anuncio que detesto que me guíen,
clon perdido entre outros coma min,
cara a metas que non hei perseguir,
esquivas da moral do meu goberno.

Revelo que me quero máis que á terra,
como quero a ese home, esa muller
sempre libre na idea a defender,
sexa ou non o mandado do poder.

Divulgo unha vez máis o que se sabe,
reivindico dereitos como ser,
contando as ilusións do pensamento,
historias que non buscan someter.

Pregoo o meu respecto ao albedrío,
aquilo que me fai sentir persoa,
soa, diferente e irrepetible.
Igual aos semellantes. Singular.





.

Sem comentários:

Enviar um comentário