sexta-feira, 10 de dezembro de 2010

Felicidade

A felicidade son pequenos momentos que vas sumando, eu non creo que haxa ninguén que sexa feliz todo o tempo. A frase é dun amigo que a dixo para falar doutra persoa, porque destas cousas nunca debemos poñernos nós mesmos como exemplo. Eu lin que o todo non viña sendo máis que a suma das partes. As partes, cos medios que hai agora, sábense cada vez máis pequenas, incluso son diminutas partes do infimamente minúsculo.


Bicos

Caben as palabras no papel,
caben os paxaros na gaiola,
caben moitas flores neste ramo,
caben bolboretas nunha caixa.
E onde os bicos?

Quéroche as palabras bisbisadas,
quero ver voar eses paxaros,
quero ulir as flores no teu campo,
quero bolboretas no teu pelo.
Quero un bico.

Escoito emocións e sentimentos.
Noto os aloumiños dunha pluma.
Mánchome coas cores da alegría.
Voo de tan lene que me sinto.
Dásme un bico.



Queda con ela

Se un día non despertas ao meu lado,
se atopo a nosa cama máis ben fría,
se perdo a referencia do teu corpo,
se non podo afirmar quedei con ela,
heite buscar.

De non ver os teus pasos no camiño,
de non oírche a voz chegar co vento
de ter que imaxinarme ese teu riso...
Pensándote de lonxe, vida miña,
heime perder.

Por iso non pretendo desvaríos,
disfruto desta vida cada instante,
gozando os anaquiños dos segundos
desde a cita concertada en que pensei
quedei con ela.




Sem comentários:

Enviar um comentário