sábado, 18 de dezembro de 2010

Gaivotas


Gaivota chorona ou gaviota reidora.

Non é por entrar en polémicas (e menos comigo), pero as dúas son o mesmo paxaro; que se ría de nós ou que chore con nós, aló ela, que faga o que queira, que maloserá...

Este paxaro existe, é tan real que está por todas partes,  e non é máis que un mínimo exemplo de modos diferentes de entender a vida.
Dicía Risco que Galicia é un mundo. Como non o vai ser! 



Miro o mar e aquí paro por buscarte
nas ondas, neste nome que me din,
indo e vindo decidido a quedar,
a enredarme na pel, coma antes ti.

Vén o aire nese sal que me recorda
bágoas que perdiches e bebín,
esvarando, así, por ti, os bicos meus,
egoístas na causa e máis no fin.

Os pasos, feitos pés sobre da area,
son sendas dun amor que percorrín,
mais marcas desfacéndose, lavadas,
distintas ás pegadas que hai en min.

Dentro, dando vida, estás na xebra,
fuxindo de corais color rubí,
flotando nas correntes amorosas
por chegares, alga e alma, onda min.

Chorona, a gaivota dáme un riso
de serea, hoxe feita colibrí,
alegrando con voz esta paisaxe,
esvaída cando non te sinto aquí.







.

Sem comentários:

Enviar um comentário