segunda-feira, 6 de dezembro de 2010

Mans


As mans exercen sobre min unha irracional fascinación. Nelas, ás veces, creo resumir persoas e, por máis que chegue a equivocarme, xenero sempre unha presunción de como pode ser alguén cando estreito a súa man coa miña.
Se penso en mans non quero esquecer as mans de miña avoa remexendo na fariña da artesa o que logo ía ser pan; lembro as do bisavó dándolle voltas aos freixós rápido, con dedos longos que parecían non tocar a masa quente; teño moi presentes as mans de miña nai, que case cubrían por completo o corpo dos meus fillos no seu colo, aínda bebés, dándolles unha temperatura cariñosa que os convidaba a durmir. Todas mans grandes, enormes, decididas. 
As máis pequenas, as dos meus fillos agarrándome un dedo, collendo nel a seguridade que precisaban.
E, para o final, as miñas mans amigas, esas mans delicadamente firmes, suaves e tan tenras que semellan bicar a pel a cada paso.
Unha das cancións que me gustan de Mecedes Sosa é Las manos de mi madre, pero as mans xa me gustaban dende antes.

As mans

As mans son seda
se acarician recónditos lugares
de peles que as agardan recollidas,
tenras mans.

As mans son alma
cando levan o carácter na súa palma,
cal espírito do tranquilo que dá acougo,
mans abertas.

As mans son xemas,
son as xoias deslumbrantes e lucentes,
que nos fan claro o camiño a perseguir,
mans candeas.

As mans son terra
se lles miras os seus regos,
tan sulcados nese mapa que nos trazan do destino,
mans aviso.

As mans son vías
ás que asirse con firmeza e confianza
na procura de futuros agardados,
mans sensatas.

As mans son pétalos,
perfumes de palabras que arrecenden
a aromas que, maiores, amaremos,
mans de olor.


As mans son lágrimas,
tapan bágoas cando esvaran pola cara,
quitan sal que reseca a nosa pel,
mans dolor.

As mans son présa,
denunciando os estados de ansiedade,
demostrando o apuro e rapidez,
mans veloces.

As mans son tímidas,
cando están máis agochadas ao tocar,
cando gozan da soedade do momento,
mans furtivas.

De todas esas mans das que che falo,
de cantas mans eu teña coñecido,
para escoller, se así me é permitido,
as túas, mans de amiga, eu as prefiro.

Mans dando compaña e sendo abrigo,
nos ocos das saudades e dos fríos,
nos desertos que nos trae o temporal
no outono que remata por chegar.

Non esquezo: tamén eu teño mans,
paraugas para ti quero que sexan,
as cuncas nas que bebas auga fresca
e os pés nos que te apoies indo ao ceo.

Se fundo cada dedo nos teus dedos
xuntando as túas mans con estas miñas,
eu gañarei un mundo que non tiña
e perderei feliz todos os medos.

Dáme esas túas mans, esas mans tenras
que sexan para min as mans candeas,
mans sensatas, mans abertas, mans de olor.
Desexo mans veloces, mans furtivas,
mans dolor ou mans aviso, por ser túas,
mans amigas.

2 comentários: