Chove con frío de inverno. A vida semella andar a modo, coma cando nada se agarda que poida mellorar o presente.
Por probar, comeza un xogo verbal comigo mesmo e, quen sabe, con calquera que por curiosidade de ocioso acabe chegando a este recuncho nada formal.
Os gatos ocúpanme en ocasións, hai minutos estiven no porche pasándolle a man polo lombo ao gris, e tamén ao mendigo. Os negros pasaron por alí, coma quen non quere a cousa, e fóronse. Deixei os gatos e entrei no garaxe ao tempo de oír os chiídos temerosos dun rato pequeno que estaba sendo xulgado por un dos gatos negros. A sentencia estaba clara, a lo menos para min, aínda que o ratiño andaba a rogar por alto e por baixo, nos lanzamentos aéreos que recibía, que lle perdoasen a vida. Non é o caso, con tanto gato como hai, non hai rato que sobreviva.
GATA
Estame chamando Rita,
e di miau por me buscar,
intenta subirse á porta,
sei que me quere falar.
Esta gata ten dúas manchas
entre o negro corporal,
que loce no peito brancas
e lle acaen fenomenal.
Ita-bonita, de Rita,
é o nome que lle puxemos,
gata gardiana da casa,
oficio que nós lle temos.
Os ollos seus, verdemar,
os dentes, brancos de leite,
atenta, para cazar
non hai animal que deixe.
Vaia un exemplar de gato!
Ollos de mirada acesa!
Teupas, paxaros e ratos,
todos son a súa presa!
Tén tamén cinco gatiños
que agachou na nosa adega,
amamántaos con cariño,
con amor de madre cega.
Nun bombo, alí moi felices,
escondeu as cinco crías,
dúas negras, tres máis grises,
en buscándoas, non as vías.
Que fermosas, que pequenas!
Se te paras ás mirar,
desaparecen as penas
cando lles dá de mamar!
Dos cinco, só unha é gata:
a máis lista e espabilada,
desperta, xa case rata.
E os outros sen facer nada!
Ita-bonita, de Rita,
é o nome da miña gata.
Ita é bonita, bonita,
e o seu mirar arrebata.
Que ollos tan verdes tén!
Que andar tan pausado leva!
Caza canto lle convén,
con ela non hai (n'ai) quen se atreva.
Sem comentários:
Enviar um comentário