Hai unha teima incrible nisto das campás. E témolas máis que famosas: a Berenguela, as de Almanzor, as de Anllóns (e as de Bastabales, como non), as que repican no belén, as que tocaba o touro namorado da lúa …
Non resulta novo. A súa sona está co home mesmo. Desde os tempos da cultura campaniforme.
O resumo, ao final, na campá de Gauss.
E hoxe todos oíndo campás. Agardemos a saber onde.
Tic-tac, tic-tac … continuo nos oídos
como unha forma de marcar o tempo
apreixándoo seguro nas rodelas,
mastigándoo con xeito no tic-tac.
Tic-tac que se oe e non se escoita
facendo auditivo o seu silencio,
botándoo así de menos ao faltar
estrañándoo con medo se non o hai.
Tic-tac que anda co tempo canda nós,
que achega o tempo ausente redivivo,
que mata con alento do pasado
dándonos, tan real, a hora pedida,
traéndonos un tempo que non pasa
ben posto nunha caixa con cristal.
E cando dan as horas dobremente,
campás agudas de metal lixeiro,
anuncian o que xa é o tempo feito
e empezan a contarse máis minutos
e inventan para nós novas mañás
alegres, cantareiras, con tic-tacs.
Sem comentários:
Enviar um comentário