terça-feira, 23 de agosto de 2011

A brincos





Andar a brincos non di moito de nós. O noso pobo sempre tivo tempo para todo, sen facer as cousas ás carreiras, que é como acabar facéndoas dúas veces, e sempre mal. Se hai que saltar, sáltase, dáse un chimpo, pero non se brinca. Brincar brincan as cabras. Pódese correr, pódese escapar, e bótase unha carreira, e fóxese, pero escapar a brincos é coma perder a pouca dignidade que poida ter a fuga.

Se acaso (por dar unha oportunidade, vaia), facer unha choiada a brincos, ou ir a un mandado nun brinco, aínda pode ser pasable. Pero non, se a sociedade anda falta de traballo, non será ben ir deixando algo que facer para mañá?






Os ríos (IV)

Cara ao Atlántico fan
camiños os catro ríos.
Andan chairas, corren vales,
soben montes sen desvíos

Mil cadoiros, cen fervenzas,
con cachón ou con seimeira,
todo o fan os nosos ríos
por chegar na vez primeira

Baixouse do Cadramón
e deixou atrás Alfoz,
o Ouro xa se cansou
e non lle queda nin voz.

Non fala no Valadouro
nin ás troitas sen pescar
nin despois, de cara ou mar,
cos reos que van chegar.

Como non pode avanzar,
fai meandro tras meandro,
está canso e non se move,
é ben distinto do Landro!

Este xa deixou Ourol,
e por Chavín vai pasar,
con tanto afluente que ten
aquilo vai inundar.

En Chavín rega ao Avó,
árbore fenomenal
que, no Souto de Retorta,
monumento é natural.

Mide case oitenta metros
con outros oito ao redor,
eucalipto moi robusto
é de Galicia o mellor.





.

Sem comentários:

Enviar um comentário