Desde hai tempo non pasa un verán sen que poida pasear sen présa polo río. Eu, coma calquera que ten un curso de auga ao lado, non digo case nunca o seu nome cando falo del. Non é necesario, o río é o río, só pode ser un, por máis que haxa centos deles e en lugares ben diversos. Pásame con este nome igual que cos nomes de todo o máis querido, abóndame o artigo determinado para individualizalos tan plenamente coma se estivesen escritos con letras maiúsculas enormes en letreiros luminosos no medio da noite máis pecha.
Os ríos (I)
Contan as máis vellas lendas,
as que explican o pasado,
cousas moi marabillosas
que todos temos ao lado.
Meu avó contoume unha
que lle contou seu avó,
falaba da nosa terra,
de ríos de acó e de aló.
A historia daba comenzo
preto das Brañas do Sol,
lugar con moitísima auga
onde se bañaba o sol.
A auga viña das fontes,
cinco irmáns ben rebuldeiros
que, a pouco que alí manasen,
regaban o mundo enteiro.
A primeira que naceu
foi máis linda ca un primor
e por parecerse ao sol
levou o nome de Sor.
A segunda fonte, o Masma,
só repetía ma-má
e, de tanto repetilo,
case lle queda Masmá
Cando el apareceu
todos quedaron prendados:
-Es Ouro, tés moito brillo,
exclamaban admirados.
Ao final, moi ao final,
apareceu un no cume,
era unha fonte moi forte,
era o Eume, era o Ume.
Era Ume porque o Landro,
para chamarse Landrove,
quitoulle o seu “e” ao Eume
e o uve rouboullo a chove.
Así é de todos sabido,
se prestamos atención,
as letras que leva Landro,
as letras son de ladrón!
.
Sem comentários:
Enviar um comentário