Ando a pé, e vexo a vida tal cal é, dicía o Ferreiro de Celanova. Con el deben coincidir estes días os da JMJ e máis os do 15 M, todos a pé por Madrid: uns vendo a vida tal cal é e os outros uns tendo neles moita fe, para non ver nada e crelo todo. No que non parece haber moito acordo é nos lugares a andar, pois os que non precisan gafas relixiosas para ver seica teñen que ir polos sitios máis escuros, e así non lles vai quedar outra que ver as estreiteces da vida, namentres reservamos para os iluminados a amplitude de miras neses espazos tan abertos coma os brazos de demasiados prelados.
Vendo esto, entendemos que outro dixese que Deus dixo "Se eu fixen tal mundo, que o demo me leve". De Celanova tiña que ser tamén.
E a SGAE cobrará pola música?
Prevese desconcerto polos ceos
de chegar xa esa hora do xuízo
querendo todo o mundo a salvación,
difícil, na dereita, atopar sitio.
Tempos crueis nos que uns morren de fame,
cazados coma moscas polas guerras,
espallándose nos ermos máis desertos,
agochados nas minas baixo terra
deixando así a saúde por miseria,
afundidos, se son inundacións
despois das secas, verse padecer
con volcáns, terremotos, ou ciclóns,
sufridos no proceso de vivir;
tamén hai neste tempo de chorar
persoas que apodrecen na riqueza
que acumulan por se a han necesitar,
conservándoa no traballo dos demais,
de maneira que sirva pra mandar.
Humanos non, mais son emprendedores
do camiño a ter cartos a fartar,
sacándoos da pelella de millóns,
felices de poderen traballar.
Tanto rico con nome e relixión,
na dereita toda a vida a militar,
é normal agardar a salvación.
O xefe deste estado singular
reunido cos rapaces convencidos
os problemas logrará solucionar
cunhas misas nas que se pode rezar.
Roma, divina, atende o espiritual,
non a ocupa a riqueza material
predica da verdade desde a vida
nos lugares do excelso inmaterial;
a mensaxe, a rico e pobre, fai real
celestial edén, vida prometida:
uns católicos camelos que un cre
e que traga diminutos, confiado,
polos ollos, nas estampas concentrados,
cal miragre fabulosa que dá a fe.
Sendo, pois, que hai ollo e hai camelo:
O ceo é para o rico, pode crelo!
.
Sem comentários:
Enviar um comentário