A conversa entre octoxenarios camiña con lentitude, parándose de cando en vez naqueles do seu tempo que xa se foron, pero dos que aínda falan.
- E alí sentinme erótica de todo- di ela convencida, pero disgustada.
- Pero ti sabes o que quere dicir erótica?- pregúntalle el abrindo os ollos coma pratos e ríndose abertamente con aire pícaro.
- Desnuda. Desnuda de todo, coma aquelas paredes todas de pedra, naquela igrexa tan fría, sen adornos ningúns. Así quedou a miña conciencia, desnuda de toda crenza, oíndo a homilía do cura no cabodano.
A homilía comezara “Sei que todos os que aquí estamos preferimos falar de fútbol, e que todo o que vaia dicir ten ben menos interés...” e xusto concluíra con “Así que é ben certo, para un boa misiña, parroquia de Santa Mariña, e para un boa cena, o mesón de Elena. Todo debe quedar dentro do noso concello. En Elena, como ben sabía o defunto, comer, comeuse, sempre, moi ben.”
Cada vez que recordo esto, non teño claro se ela se sentiu herética ou erótica, probablemente non importe moito. O que seguro que pasou é que, con tanto pensamento e desexo impuro, acabou pensando no inferno, e na condenación que ían sufrir por estar con tales temas baixo sagrado.
O peor que dá o pasado
son os futuros de certo.
Opresión no pensamento,
ferida que se afonda polo lonxe.
Aire gris,
indiferente,
mal de aire no amor.
Vaga anguria ,
agardando na espera
a cortar de golpe a voz.
As dores esquecidas,
de mentira.
Nos enganos
que temos por vivir.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário