O que pasou a Marola, pasou a mar toda. É curioso como se perden as cousas. Nós andamos a perder, sen decatarnos, a voz dos mariñeiros, a nosa voz de ribeira. Dicir nestes tempos que un pasou a mar toda é case coma non saber falar. Mesmo xente de mar pasa agora o mar todo.
Os ríos (II)
Nacían, pois, no Xistral,
nunha moi fermosa serra,
e unidos nun val de ouro
dábanlle nome a unha terra.
Terra de grande beleza,
de incalculable valor,
un galano para os homes
onde o sol era señor.
Sempre estaban a xogar,
nunca se vía un parado,
felices os cinco xuntos
non se daban separado.
Eran, son, os catro nomes
Masma, Ouro, Landro e Sor,
e se lle engadimos Eume
sumaremos o maior.
Eles xogan, quenta o sol.
Todos xuntos alí falan,
dos outros sitios que hai
responde o sol, eles calan.
Non quedan dubitativos
cando lles conta do mar:
se poden, van ir os cinco,
alí se queren deitar!
Atlántico, se van lonxe,
Cantábrico, mar de preto.
Cando volvan a xogar
chegar ao mar será o reto.
O Eume leva vantaxe
pero ten bo corazón:
gañarlles aos máis pequenos
é de moi mal campión!
Hai acordo! Hai carreira!
O gran Eume ao sudoeste
cos pequenos cara ao norte,
repartidos de este a oeste.
A vantaxe non existe,
é un concurso equilibrado,
todos son os favoritos,
todos son afortunados.
Sem comentários:
Enviar um comentário