segunda-feira, 17 de janeiro de 2011

Animaliños


Teño visto, na televisión, aos bombeiros salvar gatos das árbores. 
Aquí, ao noso lado, un veciño aparca na súa horta o camión que conduce. Normal. Ten que usalo todos os días, e a horta é grande.
Eu xa durmo tranquilo. Teño gatos, pero non me preocupa que suban ás árbores.

O camión do veciño é de bombeiros. Espero que este traballo lle dure.



O meu can está durmindo,
non se move, só respira.
A compás.
Trouxérono pola tarde,
rematando aquel verán.
Que regalo!

López mirando a Rita

Non me gustan nada os cans,
pero co meu é distinto:
se digo que non lle quero,
dígoo sabendo que minto.

O meu can chámase López,
e ven sendo un can de raza,
moi fermoso, moi tranquilo,
o cariño é a súa caza.

El ten cara de ser bo,
sobre todo cando mira
tan atento e sen moverse,
non parece que respira.

Sabe cando está demais
e onde non pode quedar,
decátase dos que o miman
e dos que o van rexeitar.

Voluntario decidido
encántalle traballar,
ha de estar sempre contigo
se é que che pode axudar.

Carreta as bolsas do lixo,
levas as tinas na súa boca
ou vai buscar o correo:
nada rompe do que toca.

Coñece ben os seus premios,
dun dos fillos a galleta,
do outro serán  caricias;
os ósos, de ser atleta.

Sexa por dentro ou por fóra,
vendo á  dona está contento:
se lle manda, dá  carreiras
nas que lle gaña ata ao vento.






.

1 comentário:

  1. Tamén eu espero que lle dure, e non polos gatos, senon pola crise.
    Bonito can!

    Ségueme a regalar os teu versos.

    ResponderEliminar