Cando un se esforza en non entender, non entende nada de nada.
Aló polo pobo no que se gardan os arquivos do trasno, teñen unha fonte moi boa. Auga clara, fría, transparente e cantaruxeira, que salta dun picho de ferro incrustado en granito vello. Auga limpa e boa, pois daquela aínda non andaba sanidade a repartir o do Non potable. Eu probeina e bebina, nun verán, de visita por alí.
Por falar, eso tamén forma parte das viaxes, preguntamos pola fonte a unha muller que viña buscar auga.
-E, entón, quen fixo a fonte?
- Os visiñostodos.
- Os visigodos?
-Nonnn. Nós, os - visiños - todos.
Comprender unha obviedade require, claramente, un alto nivel intelectual.
Sufrimos por aquilo que nos pasa.
Aféctannos as dores doutra xente.
O medo, gran temor, vén de repente.
Na vida, as inquietudes son da casa.
Están preto de nós, viven ao lado.
Sentímolas sen velas, son tan nosas,
espiñas no xardín, toxo nas rosas,
angurias voltas en tempo roubado.
angurias voltas en tempo roubado.
Camiño da mortal felicidade,
as pedras neste chan eses pesares,
eliminando culpas, e maldade ...
Lucindo alto o sol, chovendo a mares,
en toda condición, lugar e idade,
vivir é superar os avatares.
.
Sem comentários:
Enviar um comentário