Hoxe teño a sensación de que preciso unha revisión.
Pola mañá fun levar o coche á ITV. Sempre aproveito un día de vacacións para facelo e dar unha pequena escapada, inútil e máis curta do que me propoño, pero escapada ao fin.
A revisión mal, mal, mal. O coche pasou as diferentes probas (mesmo parecían unhas oposicións), pero ao final suspendéronme. Nin lle mirara as luces, así que denegaron a inspección porque tiña fundidas as dúas luces de posición dianteiras, según me dixo o técnico (eles asinan como enxeñeiros). Cando me deron o papel, a vista fóiseme directa á parte final onde dicía que o coche debía estar inmobilizado, e non podía circular, salvo se ía ao taller ou de novo á ITV.
Sentinme parvo, a verdade.
Na casa conteino, e agradecín que non se risen. Incluso é de louvar que dixesen que era unha tontería que non puidese circular se tiña ben as de cruce e as longas, sabendo que as de posición …
Pola tarde fun ao taller. Cambiáronme as luces e eu feliz. Por riba só dei as grazas, como é o taller ao que vou sempre, ao lado da casa, non me cobraron nadiña...
Volvín á ITV, e había bastante tráfico. Nun semáforo boteille un ollo á ficha da inspección do coche, pero comezando polo principio. O sangue veume de golpe á cara, e suei. E como me sentín.
Tampouco funcionaba unha das luces de freo, a da dereita, por máis datos.
Amañeina noutro taller, despois de dar volta de novo para a casa. Non fun ao taller anterior.
Na casa, atrevinme a contalo, e si que se riron a gusto. E preguntáronme, por que non volviches ao taller?
Non fun porque eu dou clase, e eles sábeno.
Que conste. Non choro os 0,85 euros que me custou o cambio, de verdade que non. Flaxélome aínda pola miña falta de luces.
A noite vén correndo cara a min
Consciente que a agardo cada día
Por ver de compartir melancolía
Gañada en tantos pasos que perdín
Envólveme con pano delicado
Amante coidadosa de abrigarme
Sabendo que non tardo en entregarme
A esas nostalxias que me deita ao lado
Aos vagos sentimentos por soñar
Con flores que hoxe xa non me arrecenden
Inútil triunfo que eu vou acadar
No tempo con luces que me venden
É calma con silencio e con pesar
A noite son as horas que me entenden
Sem comentários:
Enviar um comentário