Hai días que un lembra sen esforzo. Case parece coma se fosen algo próximo. Recén vivido. Eu teño moitas manías que me fan estar seguro de verdades das que non me consta ningunha base minimamente científica na que me poida apoiar. É algo así coma é verdade porque o sinto eu, pensado, si, pero nunca dito en voz alta (seguro que máis de un sabe de que falo).
Imaxino que a vida que non esquecemos nunca é toda aquela que está próxima a nós, e non necesariamente no tempo, quizais si no corazón.
Eu son, moitos días aínda, un rapaz novo, con chaqueta marrón de pana e moito frío nunha cidade fermosísima, baixando rúas de pedra pola noite, camiño dunha ilusión. Na procura da calor, probablemente.
Son feliz ( e sei que non está ben dicilo), entre outras cousas, porque sempre tento non esquecerme de cando era novo. E funo. E sono. (Ou teño que dicir e soño?).
Son feliz ( e sei que non está ben dicilo), entre outras cousas, porque sempre tento non esquecerme de cando era novo. E funo. E sono. (Ou teño que dicir e soño?).
Eu quedei con ela un vinte e seis,
e era xaneiro.
Trinta anos que se foron desde entón,
desde o inverno.
Nós entre follas,
ela e eu esfollando margaridas:
eu un si e ela un non,
non, que lle dixen eu, volveu en si.
A margarida,
doce, amarga flor, esa é a vida.
I
Eu quedei con ela un vinte e seis,
porque insistín.
Fixemos o destino pola forza,
porfías, coma os nenos nos degoiros,
anceios que poñemos como fins,
que haxa gatos negros e escaleiras …
Dous por trece.
II
Era xaneiro
o mes no que a amizade deu o abrigo,
falando monosílabos tan longos
que usaban só os ollos, sen sonido.
Os días, indo a máis, xa anticipaban
avisos das calores do cariño.
Por coñecernos.
III
Trinta anos que se foron desde entón.
Aínda seguimos.
Abrigándonos decote un no outro,
desnudámonos por dentro ela e eu,
ao mellor menos,
pero non tristes,
quizais tranquilos,
sen apurar,
trinta anos de querer e de aprender.
IV
Desde o inverno.
Canto frío se sentía añorando
noites que eran soles do verán. Luz
os seus dedos nos meus ombros, apoiados,
eu, no seu ceo,
rezando, a Apolo e Lugh tamén,
pedindo unha música sen fin,
bailar con ela
a peza sen final da nosa festa.
V
Nós, entre follas,
por escapar do sol buscamos sombras.
Soubemos, na cortiza desas árbores,
o que sangran as feridas gravadas
en corazóns.
Tocounos Ceres e multiplicamos,
divididos, dous a dous, agora catro.
E moito amor.
VI
Ela e eu esfollando margaridas
nacidas con mil rosas no xardín.
Puxemos ilusión, ardor, empeño,
tamén amor...
Limpamos e regamos as raíces,
bágoas de tristeza e de perdón...
E foi dolor.
VII
Eu un si e ela un non,
palabras que dixemos os dous xuntos,
Dixen si pensando o si que quería ela;
non, foi o que ela creu que quería eu.
Eramos un, era eu por ela. Un.
Eu e ela, si.
VIII
Non, que lle dixen eu, volveu en si,
con soños a cumprir por irreais,
abandoando metas ordinarias,
buscando aló de lonxe no interior
de peitos descubertos, navegados.
Amor, nonsí?
IX
A margarida,
flor branca que se vive compartida,
levando cada pétalo nas almas
dos que aman, por curar toda ferida.
Flor fráxil que amputamos sen rubor,
por termos as respostas de paixón.
Quéreme a min.
X
Doce, amarga flor, esa é a vida,
por estes gozos que nos dá, e damos,
polos sufrimentos, polas dores todas,
por morrer de risa,
por vivir con pena,
pena máis placer.
E somos nós.
XI
Así é o tempo, así, a vida
feita dese alento
que procura as fortunas invernais
da perla que florece en tempo frío,
flor silvestre,
recollida na estación dos corazóns
que gardan eses fogos nunca extintos.
A nosa vida.
Bonito aniversario!
ResponderEliminarxoias en xaneiro!
ResponderEliminarVos -lectores curiosos -, pensade : canta xente é capaz de facer un monumento literario ( cheo de amor,de tenrura, de compricidade, de "guiños" íntimos..) ó cabo de trinta anos cunha calidade e destreza técnica, na escrita, excepcional ? -
Trascender do íntimo, privado, individual, para implicarnos a todos no expresado...é o grande mérito desta xoia ( e do blogue en xeral )
Parabéns, e -por sempre - , margarida !
Tin Herva