Estamos asistindo perplexos a unhas manifestacións curiosas dos prelados españois. Cada vez que soben ao púlpito, débenlles vir pálpitos iluminadores que os levan a ensinárennos o camiño, e sobre todo os seus perigos.
O bispo de Córdoba ocupado con esa confabulación da UNESCO que nos vai facer perder virilidade e feminidade (as dúas hanse transvasar simultaneamente, de individuo a individuo), o de Sevilla que nos avisa dos perigos do televisor (curioso que non mencione outros medios de comunicación, e se quede só con este electrodoméstico) e monseñor, o noso, o de Vilalba, chamando á reconquista neste país de misión, coma un Paio resucitado.
Como se nota que estes días está de moda Asturias!
Non é máis feliz o que máis tén
senón o que menos precisa.
(roda de muíño para comungar a diario)
(roda de muíño para comungar a diario)
Contados son millóns, quen sabe cantos,
repartidos en cinco continentes,
e esquecidos a diario polas xentes,
volvéndose invisibles de ser tantos.
Caras diluídas, moito espanto
en ollos grandes, grandes ósos, pel
tan núa, tan espida, mesmo pel
de mendicante, pobre, asceta e santo.
A historia envíalles pobreza,
fames, guerra, e mil calamidades
agasallos fatais da natureza.
As caras sempre son de autoridade,
dicindo na opulencia, mentres reza,
“Precisar menos é felicidade”
.
Sem comentários:
Enviar um comentário