Cal é a zona do cerebro que se ocupa das reivindicacións persoais? En que parte se deciden as afirmacións que sabemos incorrectas e facemos igual?
Eu coñezo unha avoa dunha sobriña por parte de pai, que se empeña en chamarlle Kra a un rapaz que se chama Karl. Ela di que o nome non lle sae ben, por moito que Carlos o diga perfectamente.
Perdido nun labirinto fonético está tamén o avó dun sobriño, por parte de nai este, que a un amigo do neto é incapaz de pronunciarlle o S, por máis que se lle diga, e quédase nun curto Brai cando fala del. Cousa curiosa, tres, mes, ou incluso cerebrais, sáenlle correctamente.
Cal será a miña palabra incompleta?
.
Memoria
Na memoria pasan anos e máis anos de non vernos.
Esváese a tinta,
caen as fotos do papel,
as figuras xa perderon nitidez.
Non me acordo do teu rostro,
xa non lembro a túa pel.
Se disfruto o teu sorriso cando volves,
non é teu.
Se me miras cos teus ollos chispeantes,
non son eu.
Convencer con palabras axeitadas
cando falas para min.
Inventar un pasado de mentira
xuntos, ti máis eu
sermos hoxe os onte recuperados,
mal de amor.
Memoria. Memoria é ver, é ter, é querer.
Memoria é saber canto podemos perder ...
.
Sem comentários:
Enviar um comentário