sexta-feira, 21 de janeiro de 2011

Prudencia



Unha medio parente contounos que nunha viaxe a Arxentina, despois de ter observado (fíxase moito no que ve e oe), como repetían en lugares dispares a palabra  boludo, e a fin de  integrarse mellor, decidiu usala ela tamén. No restaurante, entre bocado e bocado, oíuse un ¡BOLUDO, venga, por favor! 

O silencio enorme que provocou en toda a sala, só resultou equiparable ao gran sorriso que lucía a cara desta parenta miña, feliz do seu dominio das variantes léxico-xeográficas do castelán.

 Nos restaurantes tén moita importancia a boca, xa se sabe. 

Almorzo / Breakfast


Onde estás, amor,
que te perdín …

Buscándote, molleime en sete mares,
inventando arquipélagos aillados,
naufragando nos tópicos queimados,
atracando nas barras de mil bares.

Lembrándote, esquecinme de vivir.
Mireite noutras caras, nalgún  leito
e con dolores, sen amor. No peito
paroume o corazón, deixei de rir.

Pecho os ollos e, calada, estás aquí.
Douche un bico que devolves. Es real.
Hai caricias, hai dozura. Todo es ti.

Xa desperto: a carencia segue igual.
Fóra beixos, ou paixón, ou frenesí.
Amor que non  nos dura: amor fatal.







.

2 comentários:

  1. O pracer subxectivo

    Cada persoa ten un xeito de gozar das cousas.
    Os que fomos educados na lectura (curiosidade, reflexión, profundidade , divertimento...)
    buscamos ávidamente esas fontes de pracer espiritual que tanto nos enchen e satisfacen.
    - E que tanto escasean, hoxe-
    Así que cando aparecen estes “intentos varios de xuntar palabras para dicir cousas sen gastar papel” o alborozo é total.
    Por qué ?
    Aquí aparece o (meu ) pracer subxectivo.
    Eu busco, cada día,o blogue de “So son palabras” porque :

    é orixinal: mestura prosa -poética – con poesía, sen repetirse.
    Sorpréndeme sempre : Cando espero unha crítica feroz, sáeme cunha retranca espectacular ; cando agardo un compromiso patriótico, sáeme con máis de cen versos cheos de milleiros de verbas galegas: emocionante xesto de amor a unha lingua atacada e acorralada ...
    Ten calidade : Na prosa : brevidade, concisión e profundidade ( dentro da orixinalidade dos temas : reflexións certeiras sempre )
    Na poesía : Fai auténticas xoias cunha orfebreria métrica que non está o alcance de calquera.. (..poeta galego de hoxe. Qué fácil sería escribir en verso libre !)
    ¿ Vístedes como manexa rimas, cuartetos, octosílabos, endecasílabos (¡qué sonetos engaiolantes !)?
    ....
    En fin, recomendo vivamente este blogue a tódolos curiosos que a él se acheguen...
    Paga a pena !
    Tin Herva

    ResponderEliminar
  2. Como se nota que es da familia. E aínda hai quen di que un amigo é sempre un amigo, en tanto un irmán pode selo ou non. E xa me estou liando porque que é o que pode ser amigo?, irmán?
    Moitas grazas polas preciosas palabras, e moitos bicos.

    ResponderEliminar