sábado, 5 de março de 2011

Arenques



Nas vilas mariñeiras tén importancia capital o peixe. É coma unha simbiose entre a terra e a auga que leva a, mesmo na terra, desexar ter o mar, as súas cousas, á man. Ou á boca.

Tódolos anos nos que andar de entroido era algo pouco permitido e menos practicado, un home de mar da nosa vila saía en terra, e a cara descuberta (doutro xeito non deixaban), armado cun pao longo do que penduraba unha cordiña que remataba nun arenque ben amarrado. E ben afumado, por certo. Na outra man levaba a botella de viño para acompañar e dar forzas durante o percorrido antroidal das rúas da vila, e así escorrentar tamén os fríos propios do inverno. Chegaba a facer procesión coas persoas que o acompañaban, e que ás voces de “paví, paví, con la mano no, con la boca sí”, tentaban posuír ese anaco de mar con fume dando os  saltos necesarios.

E abofé que algunhas bocas daban acadado o obxectivo, tal e como testemuñaban  suaves rastros húmidos a brillar sobre as escamas do peixe. E cada vez máis xente tentándoo. “Paví, paví ...”

Nas vilas mariñeiras, claro …






Unhas risas lixeiriñas nesta vida
Poñen as tan necesarias aos sentidos
que revoan polo medio entremetidos
refrescando rutinas coñecidas.

Gañadas unhas risas que nos quentan
en luces decididas a alumear
desde os ollos que van alimentar
paixóns, desexos que nos tentan.

As risas con olores nos acentos
que entran suavemente desde a pel
perfumes, arrecendos en ronsel
que nunca dan ao ulir abastamento.

Sabor recoñecido vén con risa
sumada a ingredentes sen demora
facendo a cociña acolledora
en amor de receita que se guisa.

A risa que se quer volver sonido
no cerebro bailando decidida
traendo algunha escea requerida,
atopando un humor ben recibido.

Risas desde os labios asomadas
chegando nun instante ao corazón
dándolle a vivir máis ilusión
con tactos de caricias desexadas






2 comentários:

  1. A ENTRADA DESTA POESIA RECORDOUME O MEU AVÓ CANDO ERA PEQUECHA E CANTABAME ESA CANCION DE "PAVI,PAVI...",MENTRAS XOGABA CONMIGO E CON UNHAS CEREIXAS EN LUGAR DE ARENQUES.PERO DIREICHE QUE A POESIA TAMEN ME GUSTÓU

    ResponderEliminar
  2. Encantoume o que dis. É unha gozada que cousas sinxelas queden na memoria, e se son xogos mellor.

    ResponderEliminar