Aprendín a xogar ao dominó vendo como xogaban na casa os homes que andaban con meu avó nas partidas da leña polas fragas, xa que era na casa onde facían as partillas dos cartos e o remate, invariablemente, era unha partida de dominó. Na casa sabían xogar todos, homes, mulleres e nenos, e xogábase moitas veces. Tantas que as fichas, compradas co primeiro salario de meu pai na fundición (antes tiñan unhas de madeira, feitas por un veciño), as fichas esas, tiñan xa gastada a peciña de metal sobre a que debían xirar ao remexelas.
O dominó é un xogo de parella, de compartir, de aunar esforzos para acadar unha victoria sobre a individualidade. Son dous contra dous. Pero dous. Non hai peor cousa que o egoísmo no dominó, cando se xoga atendendo unicamente a sete fichas. Ao final perdes sempre, e consólaste dicindo “xoguei polas miñas”.
Ti xoga polas túas, din ás veces,
se deixan que sexamos puros nós,
dixeron o que tiñan que dicir,
sabido é o que habemos de facer.
Dáme o mesmo, ti xoga polas túas,
é frase que me fai sentir culpable,
dando a obrigación de non fallar,
removendo egoísmo individual
proclamando o falso desinterés,
a virtude eremita conformista
e hipócrita bondade regalada
para nós por aquel que manipula.
Ti xoga polas túas. Se é que podes.
Sem comentários:
Enviar um comentário