quarta-feira, 30 de março de 2011

Esceas


        -Baila vostede, señorita?


A min sempre me gustaron as historias, os contos. Non sei por qué, ao mellor pola súa parquedade,  as que máis me gustan son as que se poden resumir nunha frase, ou como moito nun parágrafo que comporta unha escea única. É vivir. Recrear o momento e case conseguir mil e un finais que podían ser doutra maneira, pero que, en xeral, abonda con que sexan como son. Así, o sorriso debúxase nos beizos e os ollos brillan un chisquiño máis.

¡Que grande é o mundo! ¡Que grandes somos nós cando nos queremos ver con bos ollos!

Lembro agora outra escea e xa é, coma sempre, tenra. A historia daquel neno que foi enxendrado,  na leira das patacas, polo anano que se agochaba na saia da nai.
Imaxino incluso os zapatos do tío Pedro, mercados cando foi para Cuba, e el, home barbado xa, mirándoos, vendo así o grandes que sempre seguirían sendo.





Entusiasmo


Bailes  lentos en notas de piano,
mans de seda guiando, tecla a tecla,
pés a pares felices a soñar.

O baile envolve en puro sentimento
miradas a compases de obertura
con sinais que inducen a moverse.

Os roces son deslices acordados
por sentir, por vivir, por levitar
neses sons, puro arroubo musical.

A clave, o sol radiante dun sorriso
que traduce en positiva e harmoniosa
a escala de valores de bailar





.

Sem comentários:

Enviar um comentário