sábado, 12 de março de 2011

Espectáculos



Os días de sol con chuvia miúda son bonitos. Confórmanse paisaxes brillantes con tonos que responden de distintos xeitos en función da luz recibida. Hai moitos verdes, tantos, que un mesmo verde pode cambiar en metros, e converterse nun rechamante amarelo verdoso vernizado por unha fina pátina de auga. Por veces ata as teas das laboriosas arañas se ven recompensadas ao capturaren nos seus camiños diminutos cristais transparentes, máis brillantes que os tan de moda esvarosqui cando son enfocados polas mentireiras luces dos escaparates.
Se o vento participa no xogo, e sopra suave, o campo hase pintar con diamantinas liñas, inclinadas no aire, aparecidas en calquera dirección, indecisas pingas de choiva a elixir o seu percorrido final.
Teño visto carteis circenses de o maior espectáculo do mundo, pero despois de ter asistido a eles, case estou por asegurar que un día de chuvia e sol, e co asento nas primeiras filas, constitúe un espectáculo dificilmente superable.




Sol sobre as follas




Sortilexio que crea o imprevisto,
sorpresa, na rutina, que dá a flor
cal sol a visitarnos cando chove
ou nube, ben de sombra, na calor.

Aprender o que move a ser distinto,
amigos que nos cambian, por facer
diferente un futuro orixinal,
soñado, sen saber nin coñecer.

Cando xa polos anos exprimidos
as infancias queden lonxe para oír,
hei facerme un neno, ou mellor dous,
por ter así máis mundo a descubrir,
esquecendo as respostas inmediatas
sabidas aprendendo a repetir,
deixando que o temón sexa a fortuna
facendo da fe cega o meu porvir.






.

Sem comentários:

Enviar um comentário